Partido Popular de Lugo

O PP de Viveiro reclama a mellora do pavimento da Calexa das Monxas, porque o seu deterioro fai incómodo camiñar por esta vía e provoca caídas

Viveiro, 27 de outubro de 2022. Determinados tipos de pavimentos urbanos, por ben acaídos que sexan ás características da zona na que se atopan, esixen un mantemento frecuente e constante para evitar que se convertan nun pesadelo para quen ten que transitar a diario ou ocasionalmente por estas vías. Ocorre con frecuencia nos cascos históricos. Un destes casos dáse en Viveiro na rúa María de las Alas Pumariño, máis coñecida como Calexa das Monxas. O portavoz popular, Óscar Rodríguez, di que, a día de hoxe, en moitos puntos da vía, as lousas están separadas e camiñar sobre elas é moi incómodo e causa de frecuentes caídas.

A Calexa das Monxas comeza na chamada Porta do Valado, da antiga muralla de Viveiro. Ten un pavimento de lousa en chapacuña. Co paso do tempo e debido á falta de mantemento adecuado, as distintas pezas, as lousas, separáronse entre si, o que fai incómodo camiñar sobre elas, e, cando a separación é acusada,  provoca tropezóns e caídas.

O portavoz popular, Óscar Rodríguez, sinala: “É hora de que o goberno local, presidido pola socialista María Loureiro, tome cartas no asunto e resolva o problema, adoptando as decisións necesarias para reparar o actual pavimento ou para substituílo por outro”. Ultimamente, son moitas as localidades que optan por cambiar este tipo de pavimento, por outros de máis fácil mantemento e máis cómodos para camiñar sobre eles.

Os populares instan ao goberno municipal a intervir canto antes na Calexa das Monxas, tanto por motivos de mobilidade como por tratarse dunha vía que forma parte do casco histórico e que dá a unha das portas da antiga muralla de Viveiro.