Partido Popular de Lugo

O PP de Castroverde reclama ao alcalde Arias que adopte as medidas necesarias para reparar o pavimento das rúas da vila, que está moi deteriorado

Castroverde, 27 de outubro de 2022. As rúas en mal estado dificultan á vida dos veciños, crean situacións de risco e afean a imaxe de vilas e cidades. E iso é o que ocorre en Castroverde, cuxas rúas teñen o pavimento moi deteriorado, segundo pon de manifesto o portavoz popular neste municipio, Rubén Otero. Os populares reclaman do goberno municipal, presidido polo socialista José María Arias, que adopte as medidas necesarias para reparar canto antes os pavimentos das rúas da vila.

Otero explica: “En moitas das rúas que desembocan na de Rosalía de Castro o pavimento está moi deteriorado e cheo de fochancas. É inexplicable que o goberno local deixara chegar o deterioro dos firmes das rúas da vila a este nivel”.

O portavoz popular tamén sinala: “A estas alturas hai que proceder, canto antes, a reparar as vías que están en mal estado. E de cara ao orzamento para o próximo ano, deberá incluír unha partida para atender en tempo e forma o mantemento das rúas de Castroverde”.