Partido Popular de Lugo

O PP da Fonsagrada advirte de que o goberno local “descoida e despreza” o material para emerxencias

A Fonsagrada, 27 de outubro de 2022. O voceiro do PP da Fonsagrada, Jose Regueiro, lamenta “a falta de xestión e de coidado do material do Concello por parte do goberno local”. Neste caso, advirte do “desprezo ao material para emerxencias” ao comprobar que o remolque especificamente equipado para este tipo de traballos do que dispón o Concello da Fonsagrada e que supuxo unha achega da Xunta de máis de 16.000 euros “está abandonado fóra á intemperie, o que supón un risco para o seu deterioro; e, aínda por riba, situado nunha beirarrúa, ocupando un espazo público dirixido á circulación dos peóns”.

Regueiro chama a atención ao goberno local socialista ante este tipo de accións que demostran “o pouco que lles interesa xestionar correctamente os recursos municipais”. Neste caso, o popular advirte da importancia de conservar en bo estado este material que é fundamental para que o Concello -que se ten que facer cargo da xestión de emerxencias unha vez desmantelado o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES)- poda actuar con maior efectividade ante determinadas e diversas necesidades. O popular subliña que “non é de recibo descoidar este material deste xeito porque incluía equipamento que se poden estropear”.

Os populares xa teñen condenado en numerosas ocasións “a deixadez total e absoluta” do goberno local socialista en materia de seguridade cidadá: o desmantelamento do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES), a falta dun axente de policía local e, agora, a falta de coidado deste material.

O popular lembra tamén que “o Grupo Municipal Popular ten proposta a elaboración dun inventario de maquinaria municipal porque o goberno local debe levar un control do seu estado, do seu uso e, en xeral, debe xestionalo de forma eficiente”.

Apoio da Xunta ao Concello en materia de emerxencias

A Xunta de Galicia colabora cos Concellos en materia de emerxencias repartindo, de forma periódica material para que as administracións locais, dentro das súas competencias, poidan responder con garantía en casos de emerxencia.

O Concello da Fonsagrada recibiu nos últimos 9 anos material por valor de máis de 56.000 euros.