Partido Popular de Lugo

O PP reclama a actualización de prezos do proxecto de beirarrúas e servizos entre Xunqueira e Magazos e que as obras se inclúan no orzamento municipal para 2023

Viveiro, 26 de outubro de 2022. A conservación e mellora das infraestruturas é fundamental para que os veciños poidan desenvolverse no seu día a día con seguridade e sen dificultades engadidas. Nos orzamentos do Concello de Viveiro incluíuse no seu momento a obra de renovación das beirarrúas e dos servizos no tramo comprendido entre Xunqueira e Magazos. Pero tal obra non se levou a cabo. O grupo municipal do PP defenderá unha moción no próximo pleno para que o Concello actualice o proxecto para as obras indicadas, inclúa a correspondente partida nos orzamentos para o 2023 e execute as obras canto antes.

O portavoz popular, Óscar Rodríguez, lembra que “o proxecto das beirarrúas e instalacións inherentes que van de Xunqueira a Magazos presentouse por parte do Goberno co apoio de Por Viveiro, para que fose aprobado con cargo á subvención que lle corresponde ao Concello de Viveiro polo canon eólico”. Aclara que esta é unha subvención que non se outorga por concorrencia competitiva, senón por asignación directa soamente con presentar un proxecto adecuado en tempo e forma. Rodríguez engade que “dito proxecto foi redactado de maneira totalmente regular e adaptado ás bases requiridas, pero a Administración considerou que non foi presentado en tempo e forma e polo tanto a subvención non foi concedida; o Concello iniciou entón un procedemento xudicial, que sigue aberto”.

Os populares destacan que, dende o principio, o goberno local asegurou que este proxecto realizaríase dunha maneira ou doutra. Dado que no pleno máis recentemente celebrado pola corporación municipal, o Concelleiro de Facenda afirmou que os orzamentos do ano 2023 estarían tramitados en tempo e forma, os populares presentan unha moción para incluír nas contas do próximo ano as obras das beirarrúas e servizos entre Xunqueira e Magazos. Rodríguez avisa: “A contía do proxecto inicial era de pouco máis de 100.000 €; agora, por mor da elevada inflación, estimamos que o custo vai precisar dun incremento dun 30%”. Os populares solicitan “que no seguinte pleno se aprobe a inclusión de devandito proxecto nos orzamentos do ano 2023 atendendo ao incremento económico resultante do aumento de custos”.