Partido Popular de Lugo

O PP acusa a Tomé de intentar escaquearse da súa responsabilidade no mal estado das estradas provinciais ao asegurar que non é o delegado de Vías e Obras

Lugo, 26 de outubro de 2022. Unha gran parte das estradas que dependen da Deputación están en moi mal estado. Na sesión plenaria celebrada pola corporación municipal o pasado martes, ao fío do debate dunha moción popular, o presidente, José Tomé, tratou de eludir responsabilidades a pesar de que é o responsable directo da área que xestiona Vías e Obras. O portavoz popular, Javier Castiñeira, sinala que “onte, no pleno, vivimos un novo episodio das pifias do señor Tomé, concretamente ao debater sobre as estradas da provincia, incluídas as da Deputación de Lugo, que tanto descontento suscitan entre a poboación lucense”. No pleno, os populares aseveraron que é o peor delegado que xamais houbo nesta área, “un delegado de zapato e garabata, que só aparece para as fotos das reportaxes de propaganda”. Engade Castiñeira: “Diante da presión que o PP imprimiu ao debate, o presidente, na súa tometina final, e xa farto de escoitar  a realidade do estado das estradas provinciais, asegurou que el non é o delegado de Vías e Obras”.

O portavoz popular sinala: “No grupo provincial quedamos abraiados polo que escoitabamos; o señor Tomé, mediante decreto do 24 de xullo do 2019, no que se repartiron as áreas, asumiu a xestión territorial; pois ese mesmo Tomé afirmou onte que agora xa non o é. Para cortar as cintas de obras si o é, par sacar as fotos si o é, para saír nos periódicos, si o é; para escoitar as críticas e patear as estradas, non o é”.

Castiñeira declara: “O peor que escoitamos onte non foron as pifias de Tomé; o peor foi ver aos seus compañeiros xustificar que o presidente asumira as competencias en Vías e Obras, que é a máis complexa de todas as áreas, sen recoñecer que o único motivo para facelo é a falta de confianza neles mesmos, supoñemos que para  que non pasara o que pasou co señor Martínez en mandatos pasados. Non foi boa idea, lle dixemos, nin para vostede nin para a provincia que asumira tantas responsabilidades, porque como di o refrán o que moito abarca pouco aperta”.