Lugo, 21 de outubro de 2022. As deficiencias que presenta o anexo do Pazo dos Deportes quedaron novamente de manifesto nos últimos días, nos que a intensa choiva deixou en evidencia o mal estado da cuberta, que ten abundantes goteiras. Estas instalacións dependen da Deputación Provincial. O deputado provincial e viceportavoz do grupo do PP, Óscar Poy, lembra que, os populares, ao longo de todo o mandato, viñeron reclamando “ao deputado de Deportes, Efrén Castro (BNG), que adoptara as medidas necesarias para acometer os traballos precisos para garantir o bo funcionamento das instalacións deportivas da Deputación”. Pero “o desleixo na xestión, xa practicado polo anterior responsable de Deportes, o socialista Pablo Rivera, continuou e mantívose o abandono do Pazo dos Deportes, do seu anexo, e das instalacións da Escola de Piragüismo”.
Poy explica: “Estes días, os problemas habituais do anexo fixéronse virais nas redes sociais, pero xa foran denunciados anteriormente polo PP, ao igual que o deficiente estado de conservación do Pazo, das súas gradas, iluminación, goteiras”. Destaca a falta de vestiarios e aseos neste pavillón. Lembra tamén os anos de promesas incumpridas sobre a rehabilitación e reforma do edificio da Escola de Piragüismo.
Os populares instan ao goberno provincial e sinaladamente ao deputado de deportes, Efrén Castro, a asumir as súas responsabilidades e adoptar as medidas necesarias para corrixir as deficiencias que presentan o anexo do Pazo dos Deportes, así como para efectuar as melloras precisas no propio Pazo e na Escola de Piragüismo. “Deixen de buscar culpables nos que descargar responsabilidades e póñanse a traballar”, di Poy.