Partido Popular de Lugo

O PP de Burela condena que “o goberno do señor Llano non tivese adoptado ao inicio das obras na rúa Rosalía de Castro medidas para facilitar o acceso ás vivendas e negocios en condicións de seguridade”

Burela, 21 de outubro de 2022. Os populares de Burela condenan que “o goberno do señor Llano non tivese adoptado medidas para facilitar o acceso ás vivendas e negocios da rúa Rosalía de Castro en condicións de seguridade dende o momento do inicio das obras que promove á altura do parque”.

O voceiro, Manuel Rouco, sinala que “o alcalde recibiu esta semana aos comerciantes afectados polas obras despois de que eles mesmos solicitaran unha reunión porque, a pesar de que pasa pola zona tódolos días, aínda non se dignara a falar con eles; a pesar das numerosas queixas públicas dos propietarios de comercios, negocios e veciños e veciñas que temos trasladado tamén dende o Grupo Municipal Popular”.

“A pesar de que estas medidas chegan tarde porque tiñan que estar en marcha dende o mesmo inicio das obras”; o popular agarda que “o alcalde cumpra co que lles prometeu agora: variar o sentido de circulación na rúa de Nosa Señora do Carme e facilitar o acceso para os veciños dos edificios lindeiros á obra con estruturas de acceso aos portais e aos comercios; ademais da presenza da policía local”.

Rouco lamenta que “ata o de agora o goberno local socialista permanecera impasible ante os efectos da súa mala planificación das obras sobre a economía dos negocios da zona e na seguridade dos veciños e veciñas. Pouco ou nada lle importaron o descenso salvaxe na facturación dos comercios que chegan incluso ao 70 ou 80% dende o inicio das obras segundo os afectados ou as numerosas caídas de viandantes que se produciron no entorno das obras”, segundo manifesta o popular.

Copia do plan de seguridade

O Grupo Municipal Popular vén de solicitar por escrito, neste sentido, unha copia do plan de seguridade da obra porque os populares dubidan de que “a obra cumpra a normativa vixente en relación á súa sinalización”. Nese sentido, advirten que “de producirse algún incidente, podería supoñer un problema grave para o Concello como promotor da obra”.

O PP de Burela mantense en permanente vixilancia ante “o desgoberno e a improvisación por parte do goberno do señor Llano que non ten en conta aos veciños e veciñas de Burela». E, estes días, están a manter un contacto constante cos comerciantes, veciños e veciñas da rúa Rosalía de Castro afectados polas obras.