Lugo, 19 de outubro de 2022. O documento máis importante que manexan as administracións públicas cada ano é o seu orzamento xeral. A elaboración e debate das contas anuais é tamén un bo termómetro para medir ao nivel de participación da oposición nos grandes asuntos institucionais, así como a temperatura da cortesía institucional. O portavoz popular na Deputación, Javier Castiñeira, lembra que “na primeira semana do mes de novembro do 2021, o presidente José Tomé presentou o orzamento da Deputación para o 2022 no Parlamento de Galicia; foi un feito que reprochamos dende o PP, por descortés cos deputados provinciais, que tivemos que desprazarnos ata Santiago para coñecer os orzamentos da provincia de Lugo”. Explica que “agora que se achega a data, e como non queremos que pase o mesmo, pedimos ao bipartito provincial que canto antes informe aos grupos da corporación das liñas básicas das contas que pretende aprobar para o 2023; non é lóxico que teñamos que coñecelas en Santiago e ter a información do orzamento poucos días antes de levalo ao pleno”.
Castiñeira sinala: “O PP calcula que os orzamentos da Deputación para o próximo exercicio aproximaranse aos 105 millóns de euros, unha cantidade récord que vai permitir mellorar certas partidas, tanto na cooperación como nos investimentos que son pilares básicos”. Engade: “Son partidas que levan conxeladas nestes últimos anos de goberno bipartito e sobre elas o PP ten feito, tanto nos plenos como avanzado nos medios, diferentes propostas e queremos que polo menos algunhas delas se introduzan nos orzamentos 2023”. De momento, sinala o portavoz popular, “non nos deron esa posibilidade”. Destaca que a Deputación de Ourense xa aprobou os orzamentos para o próximo ano e, a de Pontevedra, xa avanzou nos medios de comunicación as liñas básicas do seu; queda por saber tanto o da Deputación de A Coruña, presidida polo Formoso, como da de Lugo, presidida por José Tomé, que, habitualmente, son os máis rezagados neste sentido.
Castiñeira indica: “Dende o PP de Lugo seguimos esperando a chamada do bipartito para falar dos orzamentos da provincia, que é o documento máis importante que se aprobada cada ano, sinaladamente o do 2023, porque hai eleccións locais; esperamos non ter que ir a Santiago a coñecer, na primeira semana de novembro, o orzamento da Deputación de Lugo como aconteceu o ano pasado”.