Pol, 18 de outubro de 2022. O PP de Pol solicita un informe técnico sobre a elaboración do inventario de camiños de titularidade municipal “ante a preocupación dos veciños cando acceden á documentación”.
Os populares advirten que “os planos que están a disposición na sede electrónica e en formato papel nas oficinas do Concello non conteñen a mesma información, é dicir, son planos diferentes”.
O escrito dirixido ao Concello recolle outras deficiencias. Por exemplo, “a algúns dos planos que están expostos na sede electrónica fáltalle información gráfica nos seus bordes” de forma que “se se unen planos correlativos non hai unha correspondencia exacta: faltan vías completas ou tramos de vías que non se pode comprobar por onde foron trazadas”. Así mesmo, os populares expoñen que “nos planos que están a exposición pública os camiños están representados con forma de polígono, non como liñas”.
En relación a erros concretos, os populares sinalan que “non se considera vía pública a estrada que chega ao lugar de Orán dende a estrada LU-P-4606 a pesar de que é o único acceso asfaltado ao lugar”. E, igualmente, advirten de que “non se inclúen camiños xa existentes -e representados como públicos no catastro actual- no monte de Carazo e que no monte de Lúa clasifican camiños como públicos.
Outra das incoherencias que detectaron os populares trala revisión dos planos que están a exposición pública é o trazado dun camiño por riba da zona de acopio de material da explotación mineira a ceo aberto existente, é dicir, “por unha zona pola que é imposible circular cun vehículo”.