Foz, 17 de outubro de 2022. Que o Concello de Foz non fai o suficiente para manter nas debidas condicións a súa rede viaria é evidente. Os veciños saben moi ben as molestias que xeran os camiños e pistas en mal estado. O concelleiro popular Antonio Hermida lembra que “no pasado pleno, o grupo municipal do PP presentou un rogo para que o Concello proceda a arranxar o camiño da Veiga de Pardiñas, que está en moi mal estado”. Explica que “é un camiño que aparece no catastro e está inventariado, coa identificación 1C.10350; os veciños expresáronnos as súas queixas e din que falaron coa alcalde, pero fai caso omiso”.
Hermida di que “é necesario un arranxo integral, algo que se pode facer con cargo aos máis de 400.000 euros anuais procedentes do Plan Único da Deputación, ou mesmo con cargo aos orzamentos municipais do ano que vén”. Engade que en todo caso, é preciso que nestes próximos días se lle faga un arranxo previo, para que antes do inverno as familias o poidan utilizar, porque a día de hoxe teñen moitas dificultades para acceder ás súas propiedades”.
Os populares din que en Foz “estase a facer moi pouco por parte do goberno para manter as estradas municipais e o que se está a facer non é suficiente; só bacheos, que o propio alcalde recoñece como solución moi curtoplacista”. Os únicos arranxos que se foron facendo, lembra Hermida, “débense ao Plan Único e ao fondo de cooperación da Xunta de Galicia para amaño de camiños rurais. Cajoto debería ter xa un plan de estradas concreto, un plan de intervención nos camiños, de forma plurianual, contando cos diferentes orzamentos”.
Hermida declara: “Agora temos un traballo feito, acometido polo anterior goberno, do PP, que é o Inventario de Camiños Públicos, un documento sobre o que se pode traballar. Non podemos estar improvisando todos os anos, como fai o alcalde, Fran Cajoto, ademais desinvestindo, con moi pouco diñeiro para o arranxo de estradas. O PP ofrécese unha vez máis para traballar para elaborar un plan de estradas plurianual, que sexa definitivo e rigoroso”. Hermida di que parece mentira que sendo o alcalde veciño dunha parroquia de Foz teña tan abandonadas ás parroquias.