Partido Popular de Lugo

Os populares de Láncara volven pedir ao goberno local que “tome en serio” a petición dos gandeiros para habilitar un punto de recollida de plásticos agrícolas próximo ás parroquias da montaña

Láncara, 14 de outubro de 2022.Os populares de Láncara insisten na necesidade de crear un punto de recollida de plásticos agrícolas próximo ás parroquias da montaña. “O goberno local está a tempo de reservar unha partida económica nos orzamentos municipais para o ano 2023 para a construción dun espazo que conte con peche e chan de formigón para facilitar aos gandeiros da zona a acumulación de plásticos agrícolas para a súa posterior recollida”, explican.

O Grupo Municipal Popular de Láncara xa trasladara esta proposta a finais do ano 2019 tendo en conta que “o gandería é a principal actividade económica do municipio”. A finais do 2020 volveron insistir nesta reivindicación dos veciños da zona da montaña que, nalgúns casos, teñen que desprazarse ata 20 quilómetros para deixar os plásticos agrícolas no lugar habilitado máis próximo. Posteriormente, volveron preguntar varias veces máis no pleno, pero o goberno local socialista “nada fixo”.

O concelleiro popular Óscar Martínez Rubio lamenta que “o goberno local non trate de facilitar a actividade dos nosos gandeiros”. En cambio, segundo sinala, “noutros concellos habilitan lugares para que os gandeiros depositen os plásticos de forma provisional para facilitar a súa recollida en días determinados” ou, incluso, “organizan unha recollida periódica porta a porta polas explotacións gandeiras para evitar desprazamentos aos veciños”.

Os populares reiteran polo tanto esta petición ao alcalde para que “a tome en serio” e apoie a actividade dos gandeiros ofrecéndolles “algunha alternativa” para recoller os plásticos agrícolas sen ter que desprazarse varios quilómetros.