Pol, 14 de outubro de 2022. O PP de Pol insta ao PSdeG a manifestarse e tomar as medidas pertinentes contra o alcalde socialista do municipio, Lino Rodríguez, pola sentenza e condena por agresión a un afeccionado do Clube Deportivo Portomarín nun partido de fase de ascenso.
Os populares rexeitan este tipo de actos que demostran que “non está a altura do seu cargo” e amosan o seu rexeitamento á actitude especialmente altiva do rexedor que menciona a propia sentenza ao dar por probado que Lino Rodríguez utilizou frases como “aquí mando eu, e ti non eres nada” ou “eu son o alcalde e o campo é meu” dirixíndose ao denunciante.
A este respecto, os populares do municipio lamentan esta “mala imaxe para Pol” e tamén lembran que “o campo é de titularidade municipal, unha instalación pública de tódolos veciños e veciñas de Pol; non é propiedade do actual alcalde”.
O pasado mes de maio ao edil socialista, Lino Rodríguez, atopábase no campo municipal vendo o partido polo ascenso a rexional preferente entre o SD Pol e o Clube Deportivo Portomarín. Os afeccionados do Portomarín levaron un bombo para animar ao seu equipo, algo que non lle pareceu ben ao rexedor e agrediu a un dos rapaces chegando a ameazalo de morte. En palabras do propio afectado: “Colleume polo pescozo e ameazoume de morte”.
O denunciante declarou que nun primeiro momento o alcalde lles chamou a atención por estar subido nunha tarima co bombo; pero despois foi xunto del e tirouno da cinta e da camiseta para intentar baixalo. A mesma sentencia apoia esta versión: “antes de rematar a primeira parte do encontro, o procesado agarrou do pescozo ao denunciante, rompendo un colar que portaba en medio dun forcexeou”. Ante esta situación, a xuíza encargada do procedemento impúxolle unha multa de 540 euros e unha indemnización para a vítima de 120 euros.
Polémicas reiterativas
O PP local recalca que “estes comportamentos son habituais no rexedor municipal. Esta non é a primeira vez que ocorre algo similar. Lino Rodríguez acumula unha serie de polémicas desde que en 2007 foi elixido alcalde por primeira vez, como a querela que presentou a exsecretaria-interventora do Concello en 2015 por acoso laboral. Ademais, no ano 2020, en plena pandemia, converteuse no primeiro caso dun rexedor multado por saltarse o confinamento sen a xustificación oportuna. A súa resposta foi que é o alcalde”, explican.
Para o PP local estes actos cada vez máis frecuentes “son causa do desgaste que ten ao fronte da alcaldía” e lamenta que “estea arrastrando unha serie de consecuencias que afectan aos seus veciños de todo o municipio”.