Lugo, 14 de outubro de 2022. “O secretario xeral do PSOE lucense, José Tomé, debe esixir responsabilidades”. Así o manifestan dende o PP da provincia de Lugo tras coñecer que o alcalde socialista de Pol foi condenado por un delito de lesións ao un afeccionado do CD Portomarín durante un partido no pasado mes de maio no campo municipal de Pol.
Os populares lucenses consideran “totalmente inaceptable o compotamento do rexedor polense” e urxen ao máximo responsable provincial do PSOE a “censurar a súa despótica conduta”.
Os populares consideran que “hai que actuar con seriedade e responsabilidade” e, polo tanto, cren que “tanto políticos como representantes públicos debemos ser os primeiros en rexeitar condutas inapropiadas coma, neste caso, a agresión do alcalde socialista de Pol a un mozo que estaba animando ao seu equipo nun partido de fútbol no campo municipal de Pol”.
“Igual que os socialistas esixen responsabilidade e exemplaridade cando se trata de representantes doutros partidos, o PSOE ten que esixir o mesmo cando se producen este tipo de feitos que, ademais, agora veñen de ser ratificados pola xustiza”, inciden.
O PSOE evita pronunciarse
Xa o pasado mes de maio os populares convidaban a Tomé a manifestar o seu rexeitamento a este tipo de condutas, pero o secretario xeral do PSOE na provincia “gardou silencio. Agora que o xulgado considera culpable de lesións ao alcalde socialista de Pol, Tomé non pode quedar calado. Os lucenses, incluídos os propios socialistas, non entenderían que Tomé pretenda non mollarse neste asunto”.
O PP lucense lembra que “non é a primeira vez que Lino Rodríguez ocupa titulares pola súa actitude. Cando era deputado ten protagonizado discusións cos seus propios compañeiros nos plenos da Deputación sen que foran censuradas polo PSOE”. Así mesmo, lembran que “cando o Parlamento galego expresaba a súa condena e rexeitamento á conduta agresiva de Lino Rodríguez, o Grupo Socialista tamén se mantivo á marxe”.