Lugo, 14 de outubro de 2022. A xestión que desenvolve o goberno provincial en relación coa súa rede de residencias da terceira idade ten moitos déficits, como vén poñendo de manifesto o grupo popular. Hoxe, segundo destaca o portavoz do PP, na Deputación, Javier Castiñeira, “recibimos unha mala noticia para a Pobra de Brollón: na reunión celebrada esta mañá pola xunta de goberno da Deputación aprobaron un acordo para rescindir o contrato coa empresa que debía construír a nova residencia da terceira idade de Pobra de Brollón”. Castiñeira visitou hoxe os terreos no que se prevé levantar a residencia, xunto co portavoz municipal do PP, Fernando Parada, e o presidente da xestora do partido, Teddy López Pedredo.
Castiñeira lembra que no pleno máis recente da corporación provincial os populares mostraron a súa crítica aos retrasos que sofren algunhas residencias da rede da Deputación. Engade: “Dixemos que a xestión de moitas das residencias non estaba sendo correcta, e unha delas é esta de A Pobra, que xa levaba dúas licitacións e agora rescíndese de novo o contrato coa construtora. No PP non sabemos cal é o motivo, pero levamos anos dicindo que con esta crise económica, esta inflación e estes prezos da construción había que intentar facer algo para evitar problemas desta índole; nada se fixo e así se acumulan agora os retrasos e os prexudicados son os veciños”.
Os populares lamentan que no goberno da Deputación non fixeran caso dos seus avisos. Castiñeira di: “E agora vemos un retraso máis. Os veciños de a Pobra de Brollón están sendo enganados. No ano 2018 firmouse o convenio e catro anos despois vólvese a confirmar un novo retraso. Hai un cartel de obras e houbo unha presentación das obras por parte da Deputación. O cartel xa queda invalidado e o que queremos é que o goberno dea explicacións aos veciños por tanto engano, por tanto retraso; aos veciños de A Pobra de Brollón e a todos os da provincia, porque en moitos casos as obras das residencias retrásanse co que se prexudica a imaxe da Deputación e os intereses dos veciños”.