Partido Popular de Lugo

Balseiro: “Urxe” a vía xudicial e política contra o veto á pesca de fondo

Lugo, 5 de outubro de 2022.- O presidente da Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia e deputado popular, José Manuel Balseiro, asegura que “España non pode agardar máis tempo” para formalizar o recurso xudicial contra o Regulamento europeo que establece a prohibición da pesca de fondo en 87 caladoiros do Atlántico que, se nada o impide, entrará en vigor o próximo domingo, día 9 de outubro.

O parlamentario popular tamén insiste na necesidade de demandar, de xeito paralelo ao recurso xudicial, “unha moratoria na entrada en vigor do veto á pesca de fondo” o que daría máis tempo para achegar informes científicos complementarios que demostren que esta decisión unilateral da Comisión Europea é un erro, e non está fundamentada. Ademais aprazar a vixencia de norma, mentres non se resolve o recurso, permitiría ganar tamén tempo ao sector para “salvar unha campaña tan importante para a nosa frota como é a de Nadal”.

No ámbito político Balseiro reclama tamén “unidade de acción a favor da pesca galega” e para acadala entende que sería un paso moi positivo que “o BNG rompa relacións co Grupo dos Verdes”, no que os nacionalistas están integrados en Europa e que apoian abertamente ou veto á pesca de fondo.

“É unha hipocrisía que o BNG presuma de defender a Galicia en Europa, cando o primeiro que fan é xuntarse cos maiores inimigos da pesca galega. Non se pode estar cos Verdes europeos que traballan todos os días en contra da cadea mar-industria», conclúe.