Lugo, 28 de setembro de 2022. A Comisión de Xuventude do PP da provincia de Lugo organiza o encontro ‘Xuventude no Camiño’ que terá lugar o vindeiro domingo 2 de outubro en Portomarín e no que participan representantes da asociación Discamino e o xerente da scape room ‘Aventura no Camiño’.
O acto desenvolverase a partir das doce e cuarto no Parador ‘Pousada’ despois dun pequeno percorrido a pé pola contorna do Camiño de Santiago, se as condicións meteorolóxicas acompañan, a partir das once e media da mañá dende a estrela dos desexos.
A vicesecretaria de Xuventude do PP de Lugo, Patricia Teijeiro, será a encargada de dar a benvida á xornada seguida dun saúdo do presidente do PP local e alcalde de Portomarín, Pablo Rivas. Teijeiro xunto a Sandra de Bernardo, membro de Novas Xeracións da provincia, presentarán aos conferenciantes que exporán os seus respectivos proxectos moi vencellados á mocidade e ao Camiño. De feito, “queremos poñer en valor o Camiño como unha oportunidade para a socialización e a integración; ademais de contribuír a crear riqueza e actividade empresarial a través do asentamento de empresas e outros pequenos negocios na súa contorna”, segundo manifestou a vicesecretaria de Xuventude da formación popular lucense.
Escoitar aos expertos
Representantes de Discamino falarán das experiencias da asociación que leva máis dunha década axudando ás persoas con diversidade funcional a realizar a ruta xacobea. Recentemente, a Xunta aprobou concederlle a Medalla de Galicia na súa distinción de ouro. No 2021, o Goberno galego tamén apoiara a candidatura da asociación Discamino ao Premio Princesa de Asturias da Concordia.
Yelco Zarza abordará as oportunidades empresariais e laborais que xorden en torno ao Camiño expoñendo o seu proxecto empresarial, unha scape room ubicada no centro da localidade de Portomarín e, polo tanto, nunha das etapas do Camiño Francés.
O encontro será clausurado pola presidenta do PP da provincia de Lugo, Elena Candia. Posteriormente, haberá animación musical e uns petiscos para os asistentes.
A asistencia é libre limitada ao aforo e recoméndase confirmación a través do enderezo electrónico patriciateijeiro@ppdelugo.es.