O Páramo, 28 de setembro de 2022. O Grupo Municipal Popular do Páramo reclama ao goberno local unha solución aos problemas de abastecemento de auga que están a sufrir veciños e veciñas de varias parroquias. “Algunhas vivendas levan máis de 15 días sen auga e, outras, incluso máis dun mes”, explica a voceira, Verónica Arias.
Os populares trasladaron esta reclamación durante o pleno municipal celebrado este martes. “É un ano de moita seca, pero trátase dun servizo básico municipal que debe prestar o Concello, máis aínda tendo en conta que cobra pola súa xestión. Os nosos veciños e veciñas non poden estar sen subministro de auga durante tanto tempo”.
Por outra banda, xa que é preciso realizar cortes de auga de forma controlada debido á seca, os populares manifestaron que “os responsables municipais deben avisar con tempo aos veciños -a través dos pedáneos de cada parroquia, por exemplo- sobre onde e cando se vai cortar a auga de forma que coñezan con tempo a situación”.
Casa da Folgueira
Arias urxiu ao goberno local a manter en condicións de seguridade e salubridade a Casa da Folgueira que adquiriu o Concello en Beleigán. “Está abandonada de todo: hai que tomar medidas porque unha parte do tellado está a piques de caer e tamén hai que limpar a maleza para evitar que invada outra vivenda lindeira”.