Partido Popular de Lugo

O Parlamento pide ao Goberno central que acelere o proceso para regular a dispensación de medicamentos por parte de enfermeiros

Santiago, 28 de setembro de 2022.- O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co voto favorable do BNG nin do PSdeG, a través da que se solicita continuar desenvolvendo a carteira de servizos para o persoal de enfermería e se demanda ao Goberno de España que acelere o proceso de elaboración e publicación de normas que regulen a indicación, uso e autorización de dispensación de medicamentos e produtos sanitarios de uso humano por parte de enfermeiros para os doentes con patoloxías crónicas.

A deputada popular Marta Rodríguez-Vispo lembrou que “Galicia foi a primeira comunidade autónoma en crear e dotar de especialistas en enfermería familiar e comunitaria, así como en enfermería pediátrica en atención primaria”. “Neste momento é necesario adoptar máis medidas dirixidas a evolucionar un modelo de atención primaria, que deu excelentes resultados durante moito tempo e segue a funcionar ben, pero que necesita adaptarse aos cambios que se produciron”, apuntou.

Potenciación da enfermería

Rodríguez-Vispo manifestou que “a potenciación do labor dos profesionais de enfermería de atención primaria é un dos aspectos fundamentais recollidos no Plan de Atención Primaria 2019-2021, co obxectivo de adaptarse ao novo modelo desencadeado polo cambio demográfico, no que destaca a lonxevidade da poboación e o aumento de espazos compartidos interprofesionalmente na atención primaria”.

“O que buscamos con esta iniciativa é, por un lado, desenvolver a carteira de servizos para o persoal de enfermería, coa redacción de protocolos avanzados que permitan levar ao máximo as súas competencias, sempre e cando o doente presente un cadro leve ou crónico e de acordo co persoal médico”, explicou a deputada popular.

E, en segundo lugar, “búscase reducir a carga asistencial do médico de familia derivando determinadas patoloxías que non precisen asistencia médica cara a enfermería”, apuntou.

Parsimonia do Ministerio de Sanidade

Marta Rodríguez-Vispo engadiu que, para determinar os medicamentos que as enfermeiras poden indicar, usar e autorizar a súa dispensación, “tivéronse en conta criterios técnicos baseados na evidencia científica, incluíndose as opcións de uso preferente no tratamento, de acordo coa bibliografía aportada e considerando criterios de uso racional do medicamento e a eficacia, seguridade e eficiencia das diferentes alternativas dispoñibles”.

Por último, a deputada popular sinalou que a Xunta “leva tempo reclamando esta medida, pero debido á parsimonia do Ministerio de Sanidade, que non foi quen de desenvolver os distintos protocolos e guías de práctica asistencial, estas medidas se atrasaron”.