Santiago, 28 de setembro de 2022.- A portavoz do Medio Rural do Grupo Popular, Elena Candia, criticou que o BNG rexeitara hoxe no Pleno do Parlamento galego a aprobación dunha proposición non de lei consensuada de apoio ao sector de vacún de carne, que inclúa a solicitude á Comisión Europea de novas axudas para facer fronte á suba de prezos e o encarecemento dos custes de produción, así como flexibilizar as esixencias incluídas na condicionalidade reforzada para o cobro das diferentes axudas directas dentro da PAC.
Elena Candia lamentou que a oposición do BNG “privara de mandar unha mensaxe de unidade e lealdade cos gandeiros, que só están a reivindicar o que está mal feito”.
Nova axuda para becerros sacrificados
En concreto, a portavoz popular demandou que o Ministerio de Agricultura traslade á Comisión Europea a habilitación de novas axudas para o sector do vacún da carne tendo en conta a persistencia no tempo da suba dos prezos e do encarecemento dos custes de produción, así como habilitar unha nova liña de axudas por becerro sacrificado vinculado a vaca nutriz, é dicir, becerros cebados na mesma explotación de nacemento.
Así mesmo, solicitou ao Ministerio que defina unha metodoloxía de establecemento do coeficiente de admisibilidade de pastos arbustivos e pastos baixo arboredo acorde ao aproveitamento de moitas zonas de pastizal e de monte en Galicia que son utilizadas para o pastoreo do gando, que na actualidade quedan excluídas das axudas da PAC.
Por último, pediu que, mentres perduren as condicións de alza de prezos nas materias primas de alimentación e nos insumos de enerxía ou combustibles, así como a inflación e a crise económica, se demande á Comisión Europea que flexibilice, de forma temporal e mentres persistan estas circunstancias, as esixencias incluídas na condicionalidade reforzada para o cobro das diferentes axudas directas dentro da nova PAC.