Vilalba, 26 de setembro de 2022. O Grupo do PP está en permanente contacto coa actualidade municipal, os vilalbeses e súas demandas para trasladalas ao goberno local durante a celebración do pleno da corporación municipal. Os populares xa teñen anunciado a defensa dunha proposta para que o Concello desenvolva unha campaña de apoio ao pequeno comercio para dinamizar e reactivar o sector; pero tamén teñen rexistrado outras dúas mocións e varios rogos e preguntas de control ao goberno socialista.
Tras manter unha reunión con representantes do Club Vilalba Fútbol Sala, os populares levan ao pleno unha moción para instar ao Concello de Vilalba a incrementar a subvención nominativa ata un importe mínimo de 30.000 euros ao Club Vilalba Fútbol Sala para facer fronte aos custes da tempada 2022/2023 na Segunda División B á que logrou ascender o equipo sénior masculino.
Os populares agardan lograr o apoio dos grupos da corporación de cara a súa aprobación tendo en conta que “este éxito, que responde ao esforzo e traballo do equipo, supón un fito histórico do que nos sentimos orgullosos e que, ademais, contribuirá a levar o nome de Vilalba fora das nosas fronteiras”. Os populares consideran, polo tanto, que “resulta necesario e totalmente xustificable reforzar o apoio a este equipo co fin de colaborar e impulsar a continuidade da súa exitosa traxectoria”.
A voceira, Sandra Vázquez, lembra tamén que “o club non só desenvolve un labor deportivo, senón tamén social” porque se encarga de impartir as sesións de fútbol sala nas categorías alevín, infantil e cadete das Escolas Deportivas do Concello de Vilalba que pretenden apoiar e promocionar o deporte base.
Orzamento municipal para 2023
Os populares tamén queren debater no vindeiro pleno outra moción dirixida a instar ao Concello de Vilalba a convocar a reunión da comisión de facenda, de maneira urxente e inmediata, para a elaboración dos orzamentos do vindeiro ano e poder atallar as novas esixencias que se derivan da actual situación económica.
“O que o Grupo Municipal Popular considera unha ferramenta imprescindible para o desenvolvemento de calquera proxecto dun goberno, para o propio goberno local non ten o é” porque a propia concelleira ten manifestado que cadrar as contas dun Concello ten pouca importancia”, sinala a voceira.
A popular lembra que “estamos a finais de setembro do 2022 e o actual equipo de goberno do PSOE foi incapaz de presentar ningún proxecto de orzamento municipal nin para o ano 2020, nin para o 2021 nin para o o actual ano en curso”. É dicir, “os socialistas está gobernando cunhas contas aprobadas polo PP e ás que votaran en contra. Durante diferentes sesións plenarias o grupo municipal do Partido Popular preguntaba por dita cuestión e a contestación por parte do equipo de goberno era sempre a mesma: moitas promesas, pero todas incumpridas”.
Vázquez sinala que “Vilalba leva preto de 40 meses sen uns orzamentos actualizados; a pesar de que no ano 2020 a pandemia da covid-19 mudou as prioridades económicas das administracións públicas; no 2021 os esforzos debían ir dirixidos á recuperación económica e no 2022 temos que facer fronte á subida xeneralizada dos prezos sen que o goberno do PSOE pareza querer darlle prioridade ás contas municipais”.
Os populares son conscientes dos “tempos excepcionais que estamos a vivir polas que a sociedade demanda respostas ás novas esixencias”. Nese sentido, “cremos que debemos poñer por riba dos intereses partidistas os intereses dos vilalbeses e chegar a un acordo que permita sacar adiante os orzamentos municipais do 2023 co apoio dos tres grupos da corporación”.