Castroverde, 26 de setembro de 2022. Ver durante semanas vellos enseres domésticos amontoados nalgúns núcleos de Castroverde, á espera de que pase a recollelos o servizo de limpeza, é un espectáculo nada edificante, que afea a imaxe do municipio e pon de manifesto a falta de eficacia na xestión do goberno municipal, presidido polo socialista José María Arias. O portavoz popular, Rubén Otero, sinala: “Ao alcalde todo lle dá igual, e, se non é así, fai moito para que pareza que é así. Levamos moito tempo denunciando que hai montóns de enseres domésticos en distintas zonas do municipio esperando que o servizo de limpeza pase a recollelos, e non pasa”.
Otero sinala: “O servizo de limpeza está nunha situación de provisionalidade, nun momento de transición. É necesario que o goberno municipal faga o que ten que facer para adxudicar de maneira definitiva, canto antes, o contrato da recollida de lixo, porque senón pasa o que está pasado agora, do que son boa mostra as moreas de enseres domésticos sen recoller dende hai semanas”.
O portavoz popular di: “No Concello fan caso omiso das chamadas dos veciños para ir recoller os enseres. Non fan nada. É un desinterese total, que non se xustifica pola provisionalidade do contrato da recollida de lixo; se nese contrato non está prevista a recollida dos enseres domésticos, haberá que facer a modificación, ampliación ou engadido que sexa necesario para levala a cabo”. Otero lamenta que o goberno municipal faga oídos xordos ás chamadas dos veciños.