Partido Popular de Lugo

O PP de Vilalba esixe información ao goberno local sobre expedientes urbanísticos

Vilalba, 23 de setembro de 2022. O Grupo Municipal Popular de Vilalba vén de solicitar formalmente, a través do rexistro do Concello e despois de participar na reunión da comisión municipal de urbanismo, información sobre tres importantes expedientes: o da construción da praza na rúa da Emigración, o proxecto e as certificacións finais de obra da Travesía dos Castros e o expediente sobre Gourmet Otero.

A voceira, Sandra Vázquez, explica que “estamos a cumprir co noso deber de fiscalización ao goberno local e, neste caso, queremos coñecer a información para analizar máis en detalle estes proxectos e poder defender rigorosamente os intereses do Concello, de Vilalba e dos vilalbeses”.

Sobre a situación de Gourmet Otero, tralo incendio que afectou a parte da súa nave, “precisamos coñecer a información administrativa coa que conta o Concello para analizar a posición do Grupo Municipal Popular ao respecto”.

Os populares tamén requiren información sobre a obra da rúa da Emigración para a que o goberno local socialista deixou perder unha subvención da Deputación. “Sen dúbida esta situación se debeu a que o goberno local non xestionou a axuda relacionada con esta obra de forma correcta, pero queremos coñecer cales foron os motivos que levaron ao Concello a perder unha subvención e ter que pagar, polo tanto, esta actuación con fondos propios”.

“Ante a falta de transparencia do goberno do PSOE”, os populares solicitan de novo coñecer as certificacións finais das obras na Travesía dos Castros: “xa as pediramos anteriormente, pero aínda non nos foron facilitadas”.