Partido Popular de Lugo

O Parlamento galego apoia as medidas do manifesto de conselleiros de sanidade para a toma de medidas urxentes en atención primaria

Santiago, 14 de setembro de 2022.- O Parlamento galego aprobou hoxe, co voto en contra de BNG e PSdeG, unha proposición non de lei a través da que manifesta o apoio ás medidas incluídas no ‘Manifesto de conselleiros de sanidade para a toma de medidas estatais urxentes en materia de atención primaria’. A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, criticou que BNG e PSdeG “se opuxeran a un documento que está respaldado por sete gobernos autonómicos e polo Congreso dos Deputados”.

Encarna Amigo lembrou que “as comunidades autónomas aprobaron co Goberno de Mariano Rajoy medidas prioritarias para paliar o déficit de especialistas sanitarios, que foron aprobadas por unanimidade nun Consello Interterritorial celebrado en abril de 2018”. “Porén, pasaron catro anos e catro ministros de Sanidade pero as medidas seguen sen resolverse e seguimos á espera de reformar o sistema para que se poidan convocar ”, lamentou.

ACELERAR A REFORMA DO MODELO

Posteriormente, xa no mes de outubro de 2021 e logo da celebración dun Consello Interterritorial monográfico sobre a atención primaria, o Ministerio de Sanidade iniciou a consulta pública previa dunha nova orde ministerial pola que se aproba e publica o programa de formación de especialidade de familia e medicina comunitaria, os criterios de avaliación dos especialistas en formación e os requisitos de acreditación das unidades docentes multiprofesionais de atención familiar e comunitaria.

“A piques de cumprirse un ano desde ese anuncio, non se sabe nada dese procedemento, que as comunidades autónomas reclaman que se acelere e que supón unha profunda e imprescindible reforma do modelo de acreditación e do programa de formación, capaz de superar as rixideces actuais”, manifestou.

A portavoz de Sanidade criticou que “nada se fixo neste tempo por parte do Goberno de Pedro Sánchez e a realidade amosa que todas as medidas que se levaron a cabo para terminar co déficit de persoal médico foron no ámbito competencial das comunidades autónomas”. Así, salientou que “Galicia cubriu o 100 por cento das prazas acreditadas e logrou nesta última convocatoria adxudicarse máis do 80 por cento das novas prazas MIR de familia de toda España”.