Santiago, 14 de setembro de 2022.- O deputado do Grupo Popular José Manuel Balseiro afirmou hoxe no Pleno do Parlamento que “o mellor pacto galego pola auga tería sido que BNG e PSdeG votaran a favor da nova Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, aprobada o pasado mes de xuño, na que se recollen e actualizan medidas de garantía de abastecemento ante episodios de seca e se inclúen instrumentos para garantir a subministración en cantidade e calidade idóneas a toda a poboación galega”.
Balseiro criticou que BNG e PSdeG “queiran agora arranxar a súa falta de compromiso con Galicia propoñendo un pacto galego pola auga, logo de dicir non a unha lei que ofrece novas ferramentas para unha xestión máis eficiente, máis responsable e mellor planificada das infraestruturas hidráulicas e dos recursos da Comunidade galega”.
Regulación propia galega
“Galicia conta cunha regulación propia en materia de augas, logo do importante traballo de regulación que se levou a cabo para dar resposta concreta á problemática e intereses de Galicia”, manifestou o deputado popular. Esta planificación xeral contempla a análise da calidade das augas e a planificación de actuacións para mellorar o seu estado.
Así mesmo, José Manuel Balseiro lembrou que a Xunta está a convocar desde 2019 axudas destinadas a concellos e mancomunidades responsables do abastecemento de auga para a redacción de plans de emerxencia ante situacións de seca, que xa beneficiaron a máis dun cento de concellos. Ademais, o Goberno galego destinou desde 2020 máis de 1,5 millóns de euros á concesión de axudas ás comunidades de usuarios de abastecemento e, no ámbito municipal, axudará con recursos propios aos concellos galegos para que auditen as súas redes de saneamento, coa fin de erradicar filtracións e vertidos e preservar a calidade da auga.
“Estímase que, de media, entre o 40 e o 50 por cento do caudal que circula polas redes de saneamento procede de infiltracións, chegando a superar en ocasións o 90 por cento”, explicou Balseiro, quen demandou a BNG e PSdeG que “digan se teñen previsto axudar aos concellos desde as deputacións e desde o Goberno de España para financiar obras hidráulicas en pequenos municipios”.