Castroverde, 13 de setembro de 2022. Recorrer as estradas que son titularidade do Concello de Castroverde é comprobar como a estas alturas do ano unha gran parte delas aínda están sen rozar. Por elo, son moitos os veciños de Castroverde que expresan as súas queixas, como puido comprobar o portavoz do PP, Rubén Otero, nas reunións que mantivo en varias parroquias. Os populares piden explicacións ao goberno presidido polo socialista José María Arias, ao que instan a completar canto antes o traballo de roza nas estradas municipais.
Otero sinala: “No PP facémonos eco hoxe das queixas que nos expuxeron os veciños estes días polo sorprendente feito de que moitas das pistas do concello aínda están sen rozar. A verdade é que o alcalde debe unha explicación aos veciños, en xeral, e a oposición, en particular, por este retraso na execución de traballos que a estas alturas do ano tiñan que estar rematados xa”.
Os populares presentarán unha iniciativa no próximo pleno para que o alcalde explique por que está sen acabar a roza das estradas municipais. Otero indica: “O Concello ten tres tractores con outras tantas desbrozadoras e o persoal necesario para manexalas. Polo tanto o goberno municipal non ten escusa ningunha para non ter feito o traballo”. O portavoz popular indica que a falta de roza da maleza nas estradas fai que aumente o risco de accidentes e de incendios. Urxe ao goberno municipal, e sinaladamente ao alcalde, José María Arias, “a completar canto antes o traballo que xa tiña que estar feito”.