Navia de Suarna, 12 de setembro de 2022. O Partido Popular da provincia de Lugo continúa a reforzar as agrupacións locais de cara ás eleccións municipais do 2023 co obxectivo de “sumar e traballar por cada un dos concellos lucenses”. Despois de ser nomeado fai unhas semanas presidente da xestora de Navia de Suarna, Raúl Pérez Álava cumpre co seu compromiso de crear un equipo de traballo para conformar a xunta xestora do PP local.
O novo presidente deu a coñecer durante unha reunión celebrada este domingo na que tamén participaron varios membros da dirección provincial os nomes dun grupo de persoas de varias zonas do municipio comprometidas con Navia de Suarna, “un equipo de once persoas que mestura xente con experiencia, pero tamén xente nova”. Trátase de Jesús Fernández López, María Julia González Losada, Faustino Pérez Gómez, Manolo González Álvarez, Manuel Álvarez Viguín, María Inés González Losada, Manuel Bermúdez Fernández, Yanira Díaz González, Pablo Romero Pérez e Carlos Ramos Díaz.
“O noso obxectivo é o de traballar para conformar unha alternativa ao actual goberno local. Queremos que a xente poda vivir e traballar no noso municipio e para iso é necesario garantir servizos e ofrecer posibilidades para implantar negocios e poder conseguir un emprego na nosa propia localidade”. A este respecto, o responsable local da agrupación popular cre que para a prestación dalgúns servizos as administracións públicas deben, na medida das súas posibilidades, “primar a contratación de autónomos ou pequenas empresas locais porque é a forma de crear emprego e asentar poboación”.
Pérez Álava agradece o compromiso de todas as persoas que forman parte da xunta xestora e convida a todas “aquelas interesadas en mirar pola nosa zona a unirse ao noso proxecto. Temos que implicar xente nova que queira facer cousas por Navia, proxectos e actividades. Queremos o mellor para o noso concello” e, polo tanto, “coa implicación de todos e as medidas políticas axeitadas, podemos conseguir que unha zona de montaña e pouco poboada coma a nosa sexa un lugar atractivo para vivir”, considera.