Monforte de Lemos, 11 de setembro de 2022. O PP da zona sur da provincia de Lugo demanda ao Goberno central, agora que está a preparar as contas do vindeiro ano, que “nos Orzamentos Xerais do Estado para o 2023 non deixe fóra as importantes infraestruturas e servizos da zona” como é o caso da mellora da liña ferroviaria entre Lugo e Ourense para a que piden “a inversión suficiente para garantir o remate destas obras”. Nese sentido, piden ao PSOE lucense “altura de miras para defender os intereses de Lugo e os lucenses; non a Sánchez como fan sempre”.
Asi o manifestaron nunha reunión de traballo recente, celebrada en Monforte, encabezada polo presidente do PPdeG, Alfonso Rueda; ademais da presidenta provincial, Elena Candia, o vicepresidente Francisco Conde, o secretario xeral, Javier Nodal, alcaldes, deputados e senadores e que serviu para escoitar as demandas dos representantes locais, analizar as principais necesidades da zona e trazar as liñas do traballo a desenvolver nos vindeiros meses.
Os populares condenaron unha vez máis que “o Goberno de Sánchez desconecta Galicia e marxina á provincia de Lugo, que queda descolgada en materia de comunicacións”. Concretamente, en relación aos servizos ferroviarios, “a nosa provincia atópase sen conexión á alta velocidade, con atrasos nas obra de mellora da vía entre Lugo e Ourense e sen recuperar a oferta suspendida coa escusa da pandemia”.
O PP lucense esixe “o investimento necesario para ver rematadas as obras despois de que o ano pasado unicamente se licitaran 382 millóns e só foran adxudicados 221 dos 546 contemplados nos PGE”. Con todo, xa tiña advertido que trala retirada, por parte do Goberno de Sánchez, da construción das variantes de Rubián (Bóveda) e Os Peares do proxecto de mellora na liña entre Lugo e Ourense, a provincia quedará excluída da alta velocidade porque non se acortarán os tempos de viaxe.
Os populares incidiron tamén en demandar, como teñen feito en Madrid, o restablecemento da totalidade das liñas canceladas durante a pandemia, tal e como se comprometera o Goberno de Sánchez nunha resposta a unha pregunta dos senadores lucenses. “Lamentablemente os incumprimentos de Sánchez con Galicia e coa nosa provincia non nos sorprenden. O seu grao de compromiso é do 0%. Xa puidemos comprobar que os trens Avril tampouco chegaron a Galicia no mes de xullo como tiña anunciado”, subliñan.
Desconectados tamén por estrada
O PP lucense lembra tamén os atrasos nos proxectos de construción das autovías na provincia. Concretamente, neste caso, citan “o atraso na construción da A-76 ou a falta de impulso da A-56”. Os populares tamén amosaron a súa preocupación polo derrubamento do viaduto da A-6 que supón “importantes prexuízos para a provincia de Lugo” e urxen ao Goberno central a “informar do que sucedido e buscar solucións efectivas”.