Castroverde, 6 de setembro de 2022. A recollida de lixo e a limpeza das rúas son dos servizos fundamentais, que teñen un peso decisivo na calidade de vida dos veciños. O goberno municipal de Castroverde, presidido polo socialista José María Arias, pilotou a adxudicación da recollida de lixo, pero, como xa ten acreditado anteriormente, a xestión do servizo, á vista dos resultados, non parece importarlle moito. Así o sinala o portavoz popular, Rubén Otero, que denuncia que en varios puntos de Castroverde hai enseres domésticos amontoados, esperando que a empresa concesionaria efectúe a recollida.
Otero di: “Ao alcalde de Castroverde gústalle moito externalizar os servizos, porque debe pensar que desta maneira líbrase de preocupacións. Pero non é así; o goberno local ten a responsabilidade de como funcionan os servizos, os preste directamente o concello ou por medio dunha empresa, como é este caso”. Lembra que a empresa concesionario da recollida de lixo ten a obriga de efectuar tamén a recollida de enseres domésticos.
O portavoz popular destaca que aos socialistas, alí onde gobernan, éncheselles a boca falando do medio ambiente, pero, á hora da verdade, a súa preocupación por este asunto é nula. Otero indica que “así se ve co que está pasando coa recollida de enseres”. Destaca que este problema, entre outros puntos do municipio, dáse en Miranda. Rubén Otero tamén explica que o núcleo urbano de Castroverde está sucio, porque non se leva a cabo con frecuencia o barrido das rúas. “É hora de que o alcalde e todo o equipo de gobernan entendan que as rúas hai que barrelas con frecuencia, por salubridade e por imaxe da vila”, di o portavoz popular.