Monforte de Lemos, 01 de setembro de 2022. O alcalde de Monforte, o socialista José Tomé, non se distingue precisamente pola súa eficacia na xestión do día a día de Monforte, cando se trata de resolver problemas en infraestruturas moi necesarias para a cidade. Por iso, o Partido Popular de Monforte está cada vez máis preocupado pola situación da ponte de Piñeira, dende que a finais do mes de xuño, afundiu por un lado a base dun dos seus piares, que quedou inservible como apoio da plataforma”. Así o sinala a portavoz popular, Katy Varela, que anuncia que levará unha iniciativa sobre este asunto ao pleno que celebrará a corporación monfortina no mes en curso.
Varela lembra que foi necesario cortar a ponte ao tráfico de todo tipo de vehículos. Indica: “No pleno do 26 de xullo, á vista da preocupación dos veciños, o PP de Monforte preguntou polo estado desta infraestrutura, prazos para o seu arranxo e custos; o alcalde contestou que non sabía”. Engade: “Un mes despois, a súa contestación nos medios de comunicación segue sendo a mesma, o cal nos resulta totalmente inaceptable. Non pode ser que máis de dous meses despois o alcalde aínda non coñeza os prazos de arranxo nin o custo da obra, polo menos de maneira aproximada”.
No PP sinalan que “a de Piñeira é unha ponte fundamental porque une dous barrios importantes da cidade: Piñeira, e polo tanto as zonas de Carude e a Compañía, xunto co barrio de Covas e a estrada de Ourense”. Engaden que “serve para desviar o tráfico do centro da cidade, polo que a xestión do alcalde e o seu equipo de goberno diante este asunto é inadmisible”.
Katy Varela está convencida de que ao socialista Tome só lle gusta gastar cartos en fogos de artificio, orquestras e asfalto novo, pero, cando se trata do mantemento normal da cidade, a súa xestión é alarmante deficiente”.