Partido Popular de Lugo

O PP de Castroverde propón ao goberno local redeseñar o abastecemento de auga, para ampliar a rede e mellorar a calidade do servizo

Castroverde, 25 de agosto de 2022. O abastecemento de auga é unha competencia puramente municipal e constitúe un dos servicios básicos que teñen que prestar os concellos. O portavoz popular en Castroverde, Rubén Otero, di que os problemas de subministro que xa padecen algunhas casas da vila e outras nas parroquias poñen de manifesto que é inaprazable que o goberno local deseñe un proxecto para a ampliación e mellora tanto das redes de distribución como da calidade da auga que chega ás billas das casas do municipio.

Otero di que os problemas que se rexistran estes días non son máis que un aviso do que pode ocorrer no caso de que o Concello no adopte medidas e traballe con visión de futuro. Otero expresa a súa disposición a colaborar, a sumar, para deseñar un abastecemento de auga ambicioso para o municipio.

O portavoz popular considera que xa se perdeu moito tempo para a mellora do abastecemento de auga en Castroverde, dado que a mal planificada intervención que deseñou hai anos o goberno presidido polo socialista José María Arias resultou un fracaso dende todos os puntos de vista.

Rubén Otero lembra que xa presentou varias iniciativas no Concello no que vai de mandato para mellorar o abastecemento de auga. Cre que a seca deste verán pon de manifesto a necesidade de redeseñar, ampliar e mellorar o servizo de abastecemento de auga.