Partido Popular de Lugo

O PP de Viveiro insta a María Loureiro a adoptar de inmediato as medidas precisas para dotar de saneamento ás casas de As Aceas que verten directamente á ría

Viveiro, 24 de agosto de 2022. A canalización e depuración das augas residuais é unha competencia puramente municipal, como o é o abastecemento de auga. En Viveiro, o goberno local, presidido pola socialista María Loureiro, demostra en todos as frontes un alarmante déficit de xestión, pero aínda é máis grave no que se refire a infraestruturas básicas como é o caso do saneamento. En As Aceas, debido a falta de rede sumidoiros, hai varias casas que verten directamente á ría. Esta intolerable situación ten que acabar canto antes e, con ese obxectivo, o grupo municipal popular defenderá no próximo pleno unha moción para que o goberno local adopte as medidas precisas para prolongar a rede de sumidoiros ata As Aceas co fin de que, os propietarios das casas, poidan tramitar a conexión coa rede de saneamento. O portavoz popular, Óscar Rodríguez, sinala: “O peor é que a alcaldesa coñece perfectamente a inexistencia de rede de sumidoiros en As Aceas e non fixo nada ata o momento, máis que ameazar aos veciños para que deixen de verter as augas residuais á ría; e como, se preguntan os veciños, se non poden construír fosas sépticas nin poden conectar co saneamento, cuxa arqueta está a uns 50 metros”.

O portavoz popular di que o Concello de Viveiro funciona de maneira tan descontrolada que anos atrás concedeu autorización a un dos propietarios das casas de As Aceas para entroncar coa rede de saneamento. Claro que o problema é que tal rede de saneamento non existe en As Aceas. Agora, ao parecer debido a denuncias por vertidos, a alcaldesa dá tres meses aos afectados para deixar de verter directamente á ría. Óscar Rodríguez sinala: “É dicir, coñecendo cal é a situación, non resolve o problema pola única vía que é admisible, que é a prolongación da rede de sumidoiros ata As Aceas, pero tampouco lles dá outra alternativa, probablemente porque no hai outra solución”. Para Rodríguez “é indignante este comportamento da alcaldesa e do goberno local”.

Os populares destacan que os valores medioambientais e paisaxísticos están entre as grandes fortalezas de Viveiro, porque atraen aos visitantes que impulsan a economía da cidade. “Falan e falan de medio ambiente, de sustentabilidade, pero á hora da verdade non fan nada. O caso de As Aceas é ben claro”.

Rodríguez lembra que unha das críticas que efectuou o seu grupo ao orzamento municipal foi que non recollía nin un euro para saneamento. “Dixémolo entón e dicímolo agora, hai que avanzar no saneamento de Viveiro, e hai que facelo con planificación e coas reservas orzamentarias precisas”. Os populares esperan que o pleno aprobe por unanimidade a súa moción, de maneira que sexa posible resolver canto antes o problema do saneamento en As Aceas.