Vilalba, 13 de agosto de 2022. Os populares alégranse “enormemente” de que Vilalba Aberta “rectifique” e “recoñeza que apoiou unha proposta do goberno local que resulta insuficiente para actuar na mellora das pistas municipais da totalidade das parroquias do Concello”.
A voceira popular, Sandra Vázquez, lamenta que “non apoiaran no pleno a iniciativa do Grupo Municipal Popular para reducir as partidas xerais propostas polo goberno local e dirixir o orzamento necesario tamén para a mellora das estradas das parroquias de Belesar, Boizán, Oleiros, Noche, Mourence, Sancovade e Soexo. Agora si que solicitanmáis investimento para Vilapedre -reivindicación á que tamén nos sumamos- e o arranxo nalgunha das parroquias ás que deu as costas fai dúas semanas. Só nalgunhas -precisa- porque volven esquecer dúas parroquias: Sancovade e Soexo. É pouco serio”, afea.
Vázquez explica que “o Grupo Municipal Popular apoiará que se invista a cantidade necesaria para mellorar o estado das vías que se atopan deterioradas en moitos puntos, como vimos denunciando fai tempo”. A diferenza de Vilalba Aberta que, no pasado pleno baixou a cabeza ante a proposta do goberno local, o Partido Popular apoia as iniciativas e proxectos que beneficien a Vilalba e aos vilalbeses “veñan de onde veñan”.
A popular lembra que “Vilalba Aberta visitara algunha da parroquias prometendo melloras e, incluso tendo poder de negociación, mirou para outro lado”. Así mesmo, incide en que “PSOE e Vilalba Aberta chegan tarde” porque os trámites administrativos atrasarán estas actuacións, polo menos, ata o outono “que non é a época máis axeitada para levar a cabo este tipo de traballos de rebacheo”. É dicir, “unha vez máis serán os veciños os prexudicados pola falta de xestión do goberno socialista en minoría que ten que agardar a poñerse de acordo con Vilalba Aberta para sacar adiante algunhas das súas propostas”.