Lugo, 11 de agosto de 2022. O PP lucense pide á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), a responsable da xestión da demarcación de boa parte do territorio da provincia, que autorice de forma excepcional a captación puntual de auga dos ríos e encoros mediante cisternas para garantir, naquelas zonas onde sexa necesario, o abastecemento de auga ás explotacións agrogandeiras e da poboación; sendo, neste caso, previamente tratadas.
Os populares explican que “para abastecer á poboación, que se incrementa durante o verán na nosa provincia coa chegada de visitantes e peregrinos, algúns Concellos -especialmente do centro e sur da provincia- levan días aplicando restricións e tomando medidas extraordinarias ante a escaseza de auga”. De feito, a CHMS asegurou que estamos ante o ano hidrolóxico máis seco da serie histórica e ten decretado alerta por escaseza na bacía do río Cabe e a prealerta no Sil.
Tendo en conta que a Xunta xa autorizou esta medida excepcional nos ríos e encoros da súa competencia, os pertencentes á demarcación Galicia-Costa, debido a que “Galicia atravesa unha das peores secas da historia”; dende o PP da provincia de Lugo convidan á CHMS a permitir tamén estas captacións de urxencia para compensar os posibles déficits de recursos hídricos.
Colaboración institucional
Os populares consideran “imprescindible a colaboración entre as administracións ante situacións de alerta ou prealerta para a poboación” como é o caso que se está a dar polos baixos niveis de auga que se están a rexistrar nos ríos e encoros. É por iso polo que se dirixen ao organismo de conca para solicitarlle que facilite estas captacións mediante cisternas de forma que os Concellos poidan garantir o subministro de auga atendendo ás súas competencias.
O PP lucense apela tamén a “facer un consumo responsable da auga” uníndose ás recomendacións que xa teñen trasladado dende os Concellos, a Consellería de Infraestruturas e o propio organismo de conca.