Partido Popular de Lugo

O PP de Pol condena que o goberno municipal non solicitase axudas á Xunta para conformar unha brigada contra incendios

Pol, 9 de agosto de 2022.  O PP de Pol reclámalle ao goberno municipal que non solicitase á Xunta a axuda para a constitución dunha brigada contra incendios tendo en conta “o risco de incendios forestais nesta época na que estamos vendo que outros concellos loitan contra as lapas”.

Os populares consideran, polo tanto, “unha irracionalidade” perder a oportunidade de contar cunha brigada de cinco compoñentes que teñan como función a de realizar tarefas de cara á prevención de incendios. Así mesmo, condenan que “tampouco solicitara axuda para dispoñer dunha motobomba no noso municipio”.

Dende o PP local lamentan que “a xestión socialista non considere importante dispoñer de tódolos recursos que sexan posibles para combater o lume en caso de necesidade. E máis aínda tendo en conta que a Xunta ofrece axudas a tódolos concellos para constituír brigadas, adquirir motobombas e realizar labores de desbroce mecanizado”. De feito, “a Xunta si concedeu axuda para o desbroce e, polo tanto, igual que solicitaron esta axuda poderían ter solicitado tamén brigada e motobomba”, puntualizan.

En definitiva, “o goberno local deixa pasar unha oportunidade positiva para os veciños do concello, tanto en materia de seguridade coma en materia de emprego; xa que perden a oportunidade de crear cinco postos de traballo no noso municipio”, conclúen.