Partido Popular de Lugo

O PP de Monterroso agradece á Xunta o seu compromiso para financiar a redacción do proxecto de construción dunha residencia de maiores

Monterroso, 5 de agosto de 2022. O portavoz do PP en Monterroso e tenente de alcalde do actual goberno, Eloy Pérez, traslada o seu agradecemento á Xunta de Galicia tras acadar, nunha reunión coa conselleira de Política Social, Fabiola García, o seu compromiso para financiar a redacción do proxecto de construción dunha residencia de maiores no municipio.

Pérez subliña que “o proxecto pretende dar resposta ás necesidades reais dos veciños e veciñas no noso municipio” en materia de atención social e, polo tanto, “estudarase tamén a posibilidade de incluír unha sección especializada na atención a persoas con alzhéimer”. Os técnicos analizarán, trala proposta do tenente de alcalde, a viabilidade e idoneidade de ubicala no antigo colexio que agora se emprega como espazo sociocultural.

O popular condena que “o goberno do PSOE e os sucesivos gastaran na vivenda comunitaria, sen que ofreceran un servizo de calidade aos veciños, máis de 1 millón de euros: máis de 680.000 euros o goberno do PSOE, máis de 275.000 euros INTA e preto de 46.000 euros o goberno de Gato entre o ano 2019 e 2020” ao que hai que engadir preto de 6.000 euros en reparacións e mantemento no último ano para manter esta instalación que presenta graves deficiencias.

Segundo explica Pérez “esta infraestrutura estaba en malas condicións porque chovía dentro da vivenda comunitaria, a pesar de tratarse dunha construción que foi inaugurada no ano 2014. Hai humidades nas paredes da planta baixa, auga no oco do ascensor e radiadores que presentan un elevado grado de deterioro”. Con estas deficiencias, “non estaba en condicións para albergar usuarios e, polo tanto, o goberno local tomou a decisión de pechala velando pola salubridade dos usuarios e traballadores, o que xa supuxo ao Concello ter que pagar unha sanción de preto de 20.000 euros. Tampouco era sostible mantelas abertas soamente con dous usuarios que, ademais, polo seu grao de dependencia deberían recibir atención noutro tipo de centro como establece a normativa”.

Restablecer a normalidade do Concello

O popular subliña que “durante estes 2 anos o goberno local traballou para restablecer a normalidade no Concello, corrixindo a errática xestión do PSOE, e ofrecer aos veciños un bo funcionamento dos servizos”.

O Partido Popular ten un proxecto ilusionante para Monterroso que inclúe a xestión de importantes achegas para dotar de infraestruturas ao municipio como é o caso da residencia de maiores; despois de acadar tamén o compromiso da Xunta para a creación do Museo das Feiras (Centro de Interpretación en Monterroso) -que está en execución e estará rematado este ano-; a mellora do saneamento e depuración -para a que xa está en fase de redacción o proxecto da depuradora-; e levar a cabo obras de mellora no instituto, na oficina agraria e na área recreativa da Peneda.