Monforte, 4 de agosto de 2022. O Partido Popular de Monforte lamenta “o abandono ao que somete o alcalde e o seu equipo de goberno ao barrio do Casar”. Así o manifestou a voceira, Katy Varela, tras coñecer o descontento dos veciños e veciñas debido ás estradas do barrio mal asfaltadas, ao perigo que supón a colocación de vallas no medio dunha intersección dende fai xa moito tempo e á falta de desbroce en moitas fincas da zona.
A popular advirte, por un lado, do mal estado do asfaltado nas carreteras e rúas que atravesan o barrio “como é o caso da rúa Poeta Fiz Vergara Vilariño que presenta un moi mal estado do asfalto e que, polo tanto, impide a correcta circulación. Resulta curioso tendo en conta a obsesión de Tomé e o seu goberno co asfalto”. Nese sentido, condena que “para o goberno do señor Tomé haxa veciños de primeira e veciños de segunda”.
Varela engade tamén que “cada vez que se fan obras para reparar as roturas nas tubaxes da auga que, por desgraza son moi frecuentes na nosa cidade, o asfalto queda sen arranxar”. Estes casos supoñen un perigo para a circulación en distintos puntos da cidade que tamén se da neste barrio onde “hai colocadas dende fai tempo tres vallas amarelas no medio dunha intersección de varias rúas que están entorpecendo a circulación e, ademais, mal sinalizadas”.
A voceira dos populares considera que “este é un exemplo do abandono total por parte do goberno de Tomé” e, ademais, o “resultado de non percorrer as rúas da cidade” e, polo tanto, “non fixarse nas necesidades reais que teñen os veciños”.
Limpeza de fincas
Varela sinala que “outra das queixas dos veciños é a cantidade de maleza que existe en certas fincas porque ao medrar sen control ao lado doutras casas e da estrada constitúe risco de incendio ante as altas temperaturas”. A este respecto, desde o Grupo Municipal Popular lembran que o Concello pode reclamar a súa limpeza aos titulares e, incluso, se non cumpren coa ordenanza, proceder de oficio a realizar estes labores para despois reverter os gastos nos titulares”.