A Pobra do Brollón, 3 de agosto de 2022. O voceiro do Grupo Provincial Popular, Javier Castiñeira, denuncia dende A Pobra do Brollón “a nefasta xestión do goberno da Deputación de Lugo en materia de atención social” en relación ao proxecto de construción dunha residencia neste municipio.
O popular explica que “o centro de atención a maiores deste municipio foi prometido xa no ano 2018 con fins electoralistas; xa que foi pouco antes das eleccións municipais do 2019. Pero, pasados catro anos non hai feito case nada”. Polo tanto, “é un engano que prexudica aos veciños e veciñas”.
Concretamente, no ano 2018 o Concello e a Deputación firmaban o convenio para o financiamento da obra. Posteriormente, a entidade provincial a comezos do 2019 sacou unha primeira licitación, pero a mediados do 2020 acabou resolvéndose o contrato coa primeira adxudicataria. Máis tarde -en outubro do 2020- volveuse sacar unha nova licitación, adxudicouse a obra en xuño do 2021 e o procedemento estivo parado ata un ano despois cando en xuño do 2022 anunciaban o comezo das obras. Pero, recentemente, coñecemos que se aproba a suspensión do inicio da execución das mesmas. “Unha verdadeira vergoña”, manifesta Castiñeira ante os “catro anos perdidos nun proceso administrativo que parece non ter fin”.
O popular lamenta: “Non é un caso único. Xa denunciamos tamén a situación do centro residencial de maiores previsto en Cervantes e, tamén recentemente, vimos de escoitar novas sobre a residencia de Portomarín”.
“Esta é a cara escura, a que non lle gusta contar ao señor Pablo Rivera -deputado de Promoción Económica e Social- nin ao goberno provincial que presume de modelo de residencias; pero que saben perfectamente que hai moitas sombras”, segundo explica Castiñeira. “Especialmente, na súa xestión e en materia de contratación”, engade.
Revisión de prezos
O Grupo Provincial Popular leva tempo advertindo ao goberno da Deputación de Lugo que, á hora de licitar unha obra ou servizo, “debe contemplar a revisión de prezos”. En abril deste ano, os populares preguntaban ao goberno provincial se tiña previsto tomar algunha medida en relación á subida dos prezos da luz, dos combustibles e dos materiais de construción para evitar atrasos nas obras ou que as empresas adxudicatarias renunciaran a executar os traballos adxudicados; pero non obtiveron ningunha resposta.
Castiñeira cre que “nesta época inflacionista, os prezos que se están a sacar nos proxectos non se axustan á realidade. Isto despois trae consecuencias: os concursos quedan desertos ou, cando se adxudican sen que os prezos se axusten ao contexto actual, hai problemas coas empresas adxudicatarias”. Nese sentido, puntualiza: “estas cuestións levan a acumular atrasos”.
Axilidade para atender os compromisos
O popular pregúntase se este proceder do goberno provincial pode responder a que “non teña a máis mínima intención de seguir facendo as residencias”; xa que “moitas veces nos plenos poñen como desculpas para facer outras cousas que hai que atender ás residencias”.
Castiñeira cre que “o que deben é atender aos compromisos e todas esas promesas electorais. Non poden seguir atrasándose coma no caso da Pobra do Brollón”. O voceiro do Grupo Provincial Popular pide “axilidade no proceso para que os veciños conten canto antes coa residencia prometida”.