Meira, 2 de agosto de 2022. O Grupo do Partido Popular esixe ao goberno provincial que preside o señor Tomé poñer en marcha os centros de día das residencias da Deputación. Así o manifestou o voceiro, Javier Castiñeira, durante a súa visita a Meira na que o portavoz do Grupo Municipal Popular, Carlos Veiga, lle trasladou a inquedanza dos veciños deste concello onde non está en marcha; a pesar de tratarse “dun servizo que demandan os veciños nun momento no que xa non existen medidas relacionadas coa covid-19, máis alá da debida prevención coma en calquera outra actividade, que impidan o seu funcionamento”.
O voceiro do Grupo Provincial Popular subliña que “esta situación é común a outros concellos nos que están abertos os centros residenciais da Deputación, pero non os centros de día. Xa vimos o que pasaba na residencia de Castroverde e agora coñecemos tamén o caso deste centro de Meira”. Nese sentido, explica que “a residencia -que dispón de 30 prazas- leva aberta dende finais do ano pasado, pero as 20 prazas de centro de día están libres”.
Veiga engade que “hai usuarios que teñen que ir a outros concellos porque non está en funcionamento o centro de día de Meira. Os veciños non entenden que haxa instalacións e que se anuncien prazas de centro de día, pero que non presten o servizo no noso municipio”.
Castiñeira denuncia a “falta de vontade” do equipo de goberno da Deputación para poñer en servizo os centros de día e acúsao de “moito presumir das residencias no rural; pero, ao non funcionar ao 100%, están a gastar ese diñeiro sen usalas para o fin para o que foron deseñadas e sen darlle servizo aos veciños que o precisan, pero que non poden contar con el”.
“Falta de xestión” en relación ás residencias da Deputación
O Grupo do Partido Popular xa preguntara ao goberno provincial no pleno do mes de outubro do ano pasado o motivo polo que non se abrían os centros de día. “Daquela responderon escusándose na covid-19, a pesar de que non tiña moito sentido porque os da Xunta si que estaban abertos. Agora, pasados varios meses, entendemos que se debe a unha falta de xestión coma outras moitas que rodean a xestión das residencias da Deputación”.