Partido Popular de Lugo

Rouco: “É imprescindible asinar un convenio entre o Concello e Portos de Galicia para ampliar novas zonas ou modificar as existentes para a pesca recreativa”

Burela, 30 de xullo de 2022. O voceiro do Grupo Municipal Popular de Burela, Manuel Rouco, asegura que “o señor Llano e os seus concelleiros do goberno local seguen a burlarse da boa fe dos veciños e veciñas de Burela. Nesta ocasión, da boa fe dos pescadores recreativos da nosa vila”.

Rouco explica que, “como xa indicamos dende o PP na reunión mantida con representantes deste colectivo, as negociacións da Comisión de Pesca do PPdeG na que se atopa a nosa viceportavoz, Yovana Oroza, con Portos de Galicia posibilitaron a apertura dunha nova vía para ampliar novas zonas de pesca ou modificar algunha das existentes. Esta vía pasa pola sinatura dun convenio bilateral entre o Concello de Burela e Portos de Galicia como xa se fixo dende diversos concellos da nosa costa coma, por exemplo, o veciño de Cervo”.

Para o popular “calquera outro tipo de comunicación ou declaración non deixa de ser máis que papel mollado por parte do Concello gobernado polo señor Llano. E o peor de todo é que o goberno socialista o sabe e xogan con iso. Non buscan unha solución real ás xustas demandas do colectivo de pescadores recreativos da nosa vila”, se lamenta.

“Inicialmente, trala avalancha de sinaturas -1.500- recibida polo Concello en relación ao desbloqueo desta situación por parte do goberno local, ían levar ao pleno unha proposta de acordo que, sen dúbida, lle daría solidez ás ben intencionadas demandas dos pescadores recreativos; pero nin levaron a pleno a proposta que dicían nin asinan o convenio con Portos”, condena o portavoz do PP.

Rouco explica que “remitir unha carta a Portos é, basicamente, un brinde ao sol. É dicir, unha vez máis o alcalde e o seu goberno demostran o que realmente son: un equipo que se pon de perfil ante a problemática plantexada dende a pesca recreativa da vila. Teñen na súa man a solución e non queren adoptala”.

“Dende o PP de Burela xa lles trasladamos -na reunión que tiveron a ben celebrar con nós- que se dependerá da nosa formación, o convenio xa estaría asinado e, polo tanto, os pescadores recreativos xa estarían a disfrutar dunha ampliación das zonas de pesca nas instalacións portuarias e da modificación dalgunha xa existente”, explica o portavoz.

Os populares lamenta que “o señor Llano non goberne nin por nin para tódolos veciños de Burela”.