Lugo, 28 de xullo de 2022. O voceiro, Javier Castiñeira, subliña o compromiso do Grupo Provincial Popular co complexo turístico de Augas Mestas, situado no municipio de Quiroga. Así, os populares interesáronse no último pleno da Deputación -atendendo tamén á petición do alcalde e o goberno local- pola data na que o goberno provincial ten previsto que estas instalacións estean en marcha.
Castiñeira lembrou que a voceira socialista e delegada de Turismo, a señora García Porto, aseguraba en xuño do 2020 no debate dunha proposta do Grupo Popular que a expectativa do goberno provincial era “poñelo en marcha nos próximos tempos, canto antes mellor”. Polo tanto, “queda claro o seu incumprimento: non foi en próximas datas, pasaron xa dous anos e segue pechado”.
Ademais da falta de datas claras por parte da delegada de Turismo, o voceiro popular condena “as formas” que supoñen “unha falta de respecto aos veciños de Quiroga, ao Concello que está preocupado porque funcione canto antes esta área recreativa; senón a tódolos veciños da provincia”. Castiñeira considera “evasivas” as respostas “dando a entender que é un tremendo lío e que non lles interesa”.
Castiñeira sinala tamén que é “ofensiva a falta de asunción de responsabilidades por parte da señora García Porto. Bota balóns fóra e trata de culpar a unha inexistente concesionaria que practicamente non puido tocar Augas Mestas e a gobernos anteriores. Non se da conta que levan 15 anos gobernando na Deputación sen que fixeran nada por esta área que leva 15 anos pechada. Actúa máis como voceira do PSOE que como delegada de Turismo”, lamenta o popular.
O voceiro do Grupo Provincial Popular cre que “a delegada de Turismo debe pedir desculpas aos veciños de Quiroga e debe dar un paso adiante” porque “o único que nos avanzou é que se acaba de conseguir o permiso da Confederación Hidrográfica; pero aínda hai moitas cousas por diante para facer. Botamos en falta unha resposta clara e concisa”, conclúe.