Partido Popular de Lugo

O PP de A Fonsagrada propón crear na vila un párking para autocaravanas e a instalación dun punto de recarga para vehículos eléctricos

A Fonsagrada, 22 de xullo de 2022. Os populares de A Fonsagrada teñen como liña mestre no seu traballo o de sumar para mellorar a vida dos seus veciños. Na súa expresa vontade de aportar, fan da parte propositiva peza fundamental do seu labor no Concello, no que, por outro lado, critican con dureza aqueles aspectos da xestión do goberno local que consideran equivocados e prexudiciais para A Fonsagrada. Así o indica o portavoz popular, José Regueiro, ao informar de dúas propostas que presentará o seu grupo no pleno que celebra a corporación provincial na tarde de hoxe: a creación dun área de estacionamento de autocaravanas e a instalación na vila dun punto de recarga para vehículos eléctricos.

Os populares sinalan que o turismo constitúe unha fonte principal de ingresos para A Fonsagrada. Unha forma de turismo cada día máis estendida é o de autocaravana. Por iso, o PP propón que o Concello habilite unha área para este tipo de vehículos, que ofreza as infraestruturas necesarias, para recarga de auga potable e eliminación de augas residuais. Indican que outros municipios próximos, como o asturiano de Grandas de Salime, xa dispoñen deste tipo de recursos.

Por outro lado, os populares de A Fonsagrada, conscientes de que o cambio do motor de explosión ao eléctrico para propulsar aos vehículos é imparable e cada vez son máis os coches impulsados por enerxía eléctrica, defenden que o Concello debe promover a instalación dun punto de recarga para este tipo de vehículos na vila. Sinalan que o goberno local debe tomar en consideración a súa proposta e levala a cabo mediante convenio ou baixo a fórmula de concesión, para que A Fonsagrada poida dispoñer no menor tempo posible dun punto de recarga para vehículos eléctricos.