Lugo, 22 de xullo de 2022. O presidente da Deputación, José Tomé, delegou o pasado venres na portavoz do grupo socialista e do goberno provincial, facer un balance sobre o que, dende o seu punto de vista, foron os tres últimos anos. Foi un balance no que a realidade estivo totalmente ausente, no que, a base de ficcións, García Porto, tratou de enmascarar o déficit de xestión do goberno do que forma parte. Así as cousas, o portavoz popular, Javier Castiñeira, reta ao presidente, José Tomé, a que convoque un pleno para debater sobre o estado da provincia e presentará unha iniciativa na próxima sesión para celebrar un debate antes do final da lexislatura.
Castiñeira sinala: “O pasado venres vimos a señora Pilar García Porto, voceira do goberno da Deputación de Lugo, facer un balance dos tres anos de goberno, nunha rolda de prensa convocada para dar a coñecer os acordos da xunta de goberno. A valoración que fixo a señora García Porto nada ten que ver coa realidade. Por iso, dende o grupo provincial do PP retamos, non a señora García Porto, senón ao presidente, José Tomé, a facer un debate monográfico sobre o estado da provincia, como están a facer noutras institucións nos seus ámbitos correspondentes, e aí poñer sobre a mesa as valoracións do goberno e, por outro lado, ás da oposición, que seguramente son as máis próximas ás dos veciños da provincia”.
O portavoz popular di que unha das cuestións a debate debe ser “o estado da rede viaria, que, a grandes rasgos, está chea de fochancas e non no estado que queren os veciños”. Se quere -di Castiñeira- “falamos das promesas incumpridas en canto a polígonos industriais, de residencias da terceira idade sen empezar (algunha delas con edificios históricos derrubados pola falta de xestión do goberno da Deputación)”. Tamén “podemos falar do estado dalgunhas instalacións náutico recreativas da provincia que están abandonadas”.
Castiñeira di que o debate sobre o estado da provincia débese facer “na cámara provincial, en San Marcos, nun debate aberto, sen tempos, e no que os protagonistas sexan o señor Tomé, que non se esconda detrás da voceira, e, por outro lado, a oposición”. Engade: “Así si que podemos facer un balance do que foron estes anos de goberno da Deputación, de como están as infraestruturas, as falsas promesas do Goberno de España sobre a nosa provincia, de como está a nosa industria por non ter un modelo enerxético adecuado; o que hai, prexudica seriamente a nosa industria”.