Partido Popular de Lugo

O PP di que os retrasos debidos a deficiente xestión de Tomé son a causa de que construír a residencia de Guitiriz custe 450.000 euros máis do previsto

Lugo, 20 de xullo de 2022. A residencia da terceira idade de Guitiriz custará un 30% máis do previsto inicialmente (450.000€), ata alcanzar os dous millóns de euros. É unha mostra máis, segundo o portavoz popular na Deputación, Javier Castiñeira, “da moi deficiente xestión do goberno presidido polo socialista José Tomé, que implica un inxustificado derroche dos recursos provinciais”. Engade que ao aumento de custos hai que sumar o grandísimo retraso que leva a construción desta residencia e as posibles sancións por como se fixeron as cousas que, finalmente, provocaron o derrubamento da Casa da Botica.

O portavoz popular sinala: “No día de onte o goberno da Deputación de Lugo e o goberno de Guitiriz firmaron o enésimo convenio para construír unha residencia da terceira idade nesta localidade. É un anuncio máis, e xa van moitos, pero o único que temos é a Casa da Botica tirada polo chan, varios anos perdido e posibles ilegalidades no cumprimento da lei de Patrimonio, por non ter respectado o anterior proxecto que conservaba a casa da Botica”.

Castiñeira di: “Non sei de que pode presumir o presidente da Deputación neste asunto. Por un lado, vai incumprir as súas propias promesas aos veciños de Guitiriz, porque nesta lexislatura non vai ter rematada a residencia. O peor é que todos os lucenses estamos perdendo patrimonio pola falta de xestión e pola incompetencia do goberno  de Tomé”.

Os populares sinalan que “o propio Tomé recoñece que a obra vai custar un 30% máis do que custaba co anterior proxecto, ao redor de 450.000 euros que perdemos todos os lucenses pola incompetencia do goberno da Deputación”. Explica: “As valoracións do anterior proxecto estaban feitas en momentos en que os prezos eran moi inferiores aos actuais; agora, ao ter que refacer o proxecto e tratar de solucionar as incompetencias que levaron a que se derrubase a Casa da Botica cando non estaba programado, pois custa 450.000 euros máis a todos os lucenses”.

Para o PP, “é unha vergoña que o propio presidente faga propaganda deste expediente, que é un expediente que é lamentable e a mostra dunha xestión pésima para os intereses da Deputación de Lugo e para os intereses dos veciños de Guitiriz”.