A Pastoriza, 20 de xullo de 2022. Os distintos niveis da Administración española teñen asignada á xestión da rede de estradas que é propia de cada unha delas. Os concellos teñen as súas propias estradas e son os responsables directos do seu estado e do que poida ocorrer nelas debido ás deficiencias que presenten. No caso do municipio de A Pastoriza, o mal estado das pistas que dependen do Concello é xeralizado; así, o PP reclama do alcalde, Primitivo Iglesias, e da concelleira Elba Carrera a adopción de medidas, canto antes, para reparar os pavimentos das vías do concello.
Os populares din que o Concello intervén nas súas pistas ”ao son da verbena”, é dicir, que en vez de programar o traballo seguindo unha orde de prioridades marcada polo peor estado dos pavimentos, limítase a desbrozar as beiras das pistas nas parroquias que celebran as súas festas. Sinalan que, “aínda que a este son da verbena, pero os desbroces aínda se van facendo; o que non se fai é a mellora dos firmes, que nalgún punto están tan mal, tan cheos de fochancas, que é perigoso circular por eles”.
O PP de A Pastoriza cita algunhas parroquias nas que as pistas municipais están en moi mal estado: Cadavedo, Pousada, Úbeda, San Martiño de Corbelle e Xemil e Seselle en Bretoña. Aclara que “pódense citar moitas máis, peras esas están moi mal”.
Os populares instan ao goberno municipal a adoptar as decisións necesarias para aplicar un plan de mellora das estradas municipais. “Hai que facelo canto antes; canto máis se poida aproveitar o bo tempo mellor, porque cando chegue o inverno será máis difícil traballar nas pistas e as que agora están mal aínda estarán peor”.
Igualmente, dende o PP indican que dá a impresión de que as reparacións que se levan a cabo fanse seguindo criterios de interese político e non, por exemplo, pola cantidade de tráfico que soportan as distintas vías. Avisa de que é importante retirar, mediante motoniveladoras, a capa de terra que se acumula nas beiras das estradas, para facilitar a evacuación da auga das calzadas.