Partido Popular de Lugo

Sandra Vázquez: “Os tres anos de goberno de Elba Veleiro foron tempo perdido para o concello de Vilalba, paralizado pola súa total falta de xestión”

Vilalba, 19 de xullo de 2022. “Os tres anos de goberno de Elba Veleiro foron tempo perdido para o concello de Vilalba, paralizado pola súa total falta de xestión”. Así o manifestou en rolda de prensa a voceira popular, Sandra Vázquez, acompañada por outros membros do grupo municipal do PP e do comité executivo da formación local.

Os populares incidiron na “falta de xestión do goberno local socialista, no abandono da zona rural e na carencia de proxecto de futuro para Vilalba” o que supón “tres anos nos que Vilalba non deu ningún paso adiante”. É máis, “as decisións deste goberno non teñen en conta aos veciños e, aínda por riba, van en contra dos seus intereses”. Así o explicou en referencia ao “caos circulatorio” que prexudica ao comercio e á hostalería tras implantar sen ningún tipo de consenso a unidireccionalidade da rúa da Pravia, unha zona azul confusa ou non ofrecer alternativas de aparcamento”. A popular considera que “este non é o goberno que merece Vilalba e os vilalbeses”.

Vázquez enumerou “os numerosos exemplos de xestión ineficaz do PSOE nestes tres anos de mandato en Vilalba”. Ás desacertadas decisións en materia de mobilidade urbana engadiu outros exemplos coma: “a esquecida RPT, o contrato do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria caducado, a perda de subvencións doutras administracións -o Concello tivo que devolver unha axuda de máis de 43.000 euros da Deputación-, o seu despilfarro económico – un millón para tirar o parque acuático e construír unhas piscinas mentres os vilalbeses pasan catro veráns sen recursos acuáticos, outro millón para o proxecto da rúa da Pravia, obras en mal estado ás poucas semanas e gastos do FIV aínda sen aclarar-”.

“Hai que lembrar tamén a súa incapacidade para elaborar un proxecto de orzamentos, consensualos coa oposición tendo en conta a súa condición de goberno en minoría trala ruptura unilateral do pacto de goberno con Vilalba Aberta e levalos ao pleno para aprobalos. En tres anos non presentaron nin un só orzamento municipal e, polo tanto, están gobernando coas últimas contas deseñadas polo goberno do PP e aprobadas co voto en contra do propio PSOE”, explica.

Vázquez condenou tamén “o descarado abandono á zona rural” que continúa “coas pistas en moi mal estado, con fochancas perigosas e sen ningún tipo de mantemento. “A pesar da imperiosa necesidade que levamos tempo visibilizando e as propias promesas do goberno local, aínda non se iniciaron os traballos de reparación da extensa rede viaria municipal”. Igualmente, lembra que o Grupo Municipal Popular tamén levou a pleno unha proposta para mellorar a sinalización do rural, pero a pesar de ser aprobada a comezos deste ano, aínda non se levou a cabo ningún tipo de actuación”. Pero estas non son as únicas desatencións ás parroquias: “tampouco se planificou o desbroce das pistas, nin se programan cursos polas parroquias e, en xeral, teñen abandonadas ás asociacións de veciños”. Así mesmo, a voceira popular lembrou a lista de agarda para recibir o servizo de axuda no fogar cando “a Xunta tenlle asignadas máis horas ao Concello de Vilalba e, polo tanto, podería estar atendendo a máis persoas que o precisen”.

En xeral, os populares advirten da “falta de proxecto de futuro para Vilalba por parte do goberno socialista” que se aprecia na parálise do PXOM e do proxecto de ampliación do polígono industrial que é fundamental para a creación de postos de traballo e, polo tanto, para asentar poboación. O PSOE non ten miras de futuro, pero tampouco capacidade para xestionar o día a día tendo en conta, por exemplo, que tampouco cumpriu co acordo plenario para colaborar coa asociación de empresarios Sete Pontes nin é capaz de acondicionar o polígono industrial”.