Partido Popular de Lugo

O PP de Vilalba insta ao goberno local a iniciar as actuacións de mellora das pistas municipais das parroquias

Vilalba, 16 de xullo de 2022. O Grupo Municipal Popular de Vilalba insta ao goberno local a iniciar “canto antes” as actuacións de mellora das pistas municipais das distintas parroquias do rural. A voceira, Sandra Vázquez, sinala que “os veciños das parroquias que sofren a diario o mal estado destas vías continúan agardando que o goberno local cumpra a súa promesa de levar a pleno un millón de euros para o rural”.

A popular lembra que “o voceiro do equipo de goberno socialista dixo que levarían ese investimento ao seguinte pleno” despois de que “dende o Grupo Municipal Popular propuxemos durante o pleno extraordinario de finais de maio dirixir máis investimento para arranxar as pistas das parroquias en lugar de gastar un millón de euros nas obras de conversión da rúa da Pravia nun bulevar de dirección única. Unha decisión implantada pola porta de atrás, sen consenso cos veciños e comerciantes”, incide.

Vázquez lembra que “o Grupo Municipal Popular leva moito tempo advertindo da necesidade de actuar nas pistas das parroquias”. De feito, no pleno do mes de xaneiro propuxeron ante o pleno aprobar un plan para a súa reparación e mantemento “de forma que estivera preparado para executar as obras aproveitando o tempo seco do verán”.

“Daquela o PSOE votou en contra e catro meses despois anuncian investimento. Pero as promesas do goberno local quedaron niso: en promesas. Todos puidemos comprobar no pleno ordinario do pasado mes de xuño que os socialistas non levaban ningunha proposta de goberno. O tempo pasa e as pistas das parroquias non van a mellor”,  lamenta Vázquez. De feito, explica que “o estado das pistas é pésimo. Acumulan baches e moitas outras deficiencias que dificultan o tránsito diario e supoñen un risco para os usuarios e os seus vehículos”.

Queixas dos veciños

Os populares urxen tamén a acometer os traballos de desbroce nas marxes das pistas e lembran tamén que “hai espazos verdes públicos na vila e nas parroquias que teñen falta de rozar e acondicionar”. A voceira cita o Paseo dos Soños, as inmediacións da escola de Boizán ou a zona do depósito da auga e o recinto para a recollida de plásticos agrícolas na parroquia de Ínsua. “Estes son algunhas das queixas que nos trasladaron os veciños nas reunións que mantemos coas distintas parroquias”, explica.