Castroverde, 15 de xullo de 2022. Cando se trata de obras nas estradas da Deputación, faise boa a dúbida que recolle o vello dito popular: non se sabe que é peor, se o remedio ou a necesidade. Así o sinala o portavoz popular en Castroverde, Rubén Otero, ao ver como se leva a cabo a reparación dos firmes das estradas provinciais neste municipio. “É unha chapuza, porque só se tapan os buratos o que é pan para hoxe e fame para mañá, porque isto non dura catro días”.
Para o portavoz popular, “o que necesitan os veciños de Castroverde e ter a mesma consideración que os outros veciños da provincia que se moven por estradas provinciais pavimentadas con aglomerado en quente; esa é a solución, non estes parches”. Ademais da escasa duración que Otero atribúe ás obras en execución, sinala que “para este tipo de traballos úsase ao final unha capa de grava, que queda nas calzadas durante moitos días e que é un risco para o tráfico rodado, pero tamén para o peonil, porque a grava ao pasar os coches salta e pode mancar á xente que vai camiñando”.