Partido Popular de Lugo

O PP de Burela insta ao goberno local a reforzar os servizos sociais comunitarios “ante as dificultades das familias para cubrir as necesidades máis básicas”

Burela, 15 de xullo de 2022. O Grupo Municipal Popular de Burela insta ao goberno municipal a reforzar os servizos sociais comunitarios “ante as dificultades que teñen 500 veciños do municipio para cubrir as súas necesidades máis básicas”. Así o propoñen despois de que coñecer, a través dos medios de comunicación, a solicitude de colaboración por parte dunha asociación sen ánimo de lucro de Burela para achegar alimentos a uns 500 veciños.

O voceiro popular, Manuel Rouco, recalca a importancia de resolver este problema que afecta a máis do 5% dos habitantes de Burela: “dende o Partido Popular imos presentar no vindeiro Pleno Ordinario unha iniciativa para que o goberno municipal aplique máis medidas en favor das familias máis necesitadas de forma máis efectiva.”

Os populares consideran que “a concelleira de Asuntos Sociais debe traballar con asociacións non gobernamentais e sen ánimo de lucro, como Cruz Vermella, Cáritas ou outras” para resolver este problema ante a lenta resposta do goberno municipal en materia de protección social.

O voceiro popular asegura que “nos preocupa que máis do 5% dos habitantes de Burela se atope nunha situación derivada da desastrosa política que está levando acabo o Goberno central”. Ademais, recalca que “a clase media e traballadora que antes chegaba a fin de mes, vese abocada a solicitar axudas para poder subsistir”.

“É preciso que o señor Llano e o goberno municipal saian desa realidade paralela na que levan vivindo tres anos e sexan conscientes da problemática na que viven boa parte dos seus veciños”, lamenta o popular.