Barreiros, 13 de xullo de 2022. O Grupo Municipal Popular de Barreiros solicita ao goberno local a limpeza e acondicionamento da zona urbana da parroquia de San Pedro de Benquerencia. Os populares trasladan así as queixas dos veciños ante “o estado de abandono absoluto” desta zona turística que concentra distintos establecementos -hotel, bar, cámping…- que dan servizo aos que visitan Barreiros durante o verán.
“As beirarrúas da rúa Moas e os seus arredores están cubertas de silvas que impiden o tránsito dos peóns. Polo tanto, os veciños teñen que andar pola estrada precisamente agora no verán cando máis tránsito de vehículos rexistran as pistas da zona do litoral, o que supón un maior risco”, segundo considera o voceiro, José Manuel Gómez Puente.
O popular engade que “non hai bombillas nas farolas, os contedores están en mal estado e o tránsito de vehículos na zona do cámping de Benquerencia tamén é dificultoso polos numerosos baches na zona”. Precisamente, dende o Grupo Municipal Popular xa advertiran o pasado mes de abril ao goberno local do BNG da necesidade de levar a cabo un bacheo nas vías municipais.
“Coa zona debidamente acondicionada e limpa, sería máis atractivo acudir aos locais comerciais e hostaleiros, un sector prexudicado nos últimos veráns debido á pandemia da covid-19”, segundo defende o voceiro.
Xestión deficiente dos traballos de acondicionamento municipal
Os populares esixen “máis axilidade” ao goberno local á hora de xestionar os traballos de limpeza e mantemento dos espazos públicos municipais para conservalos en bo estado de uso para o disfrute dos veciños e ofrecer tamén unha boa imaxe aos visitantes.
O Grupo Municipal Popular tamén chamaba a atención do equipo de goberno nacionalista o pasado mes de xuño sobre a presenza de maleza que dificultaba o tránsito polo casco urbano de San Cosme e, recentemente, reclamaba tamén rozar e acondicionar a área recreativa da Anguieira que tamén presenta pintadas.