Xermade, 8 de xullo de 2022. Antonio Riveira foi reelixido presidente do PP de Xermade por aclamación dos afiliados participantes no congreso local da formación celebrado este xoves. Á localidade chairega tamén se achegou a presidenta, Elena Candia -acompañada tamén polo coordinador xeral, José Manuel Balseiro, e o secretario de organización, Javier Vázquez Prado- para trasladar o seu apoio á agrupación local e á nova directiva que se completa con Isabel Campello Ares como secretaria e Andrés Ares Ameijide, María Isabel Barro Millor, Laureano de Bernardo Paz, Mario Félix García Prieto, José Antonio González Alvariño, Arsenio José Paz Cibreiro, Alberto Pena Criado e Marta Rodríguez Criado como vogais.
Elena Candia agradeceu á nova directiva “a súa implicación” e púxose a disposición do novo equipo para que no 2023 “Xermade volva ter un goberno do Partido Popular, comprometido cos seus veciños e coas súas necesidades do día a día”. Para iso, a presidenta provincial defende que “o PP conta cun equipo que representa aos veciños de Xermade e con capacidade e vontade de traballo, sen dúbida, unha cualidade básica para defender o interese público”.
Frear a suba de impostos do alcalde
Antonio Riveira, pola súa banda, comprometeuse a seguir traballando por Xermade xunto aos compañeiros da directiva local “dende o diálogo e con humildade”. como é dixo, “a importante suba de impostos que aplicou o actual alcalde”.
“Nestes momentos, dende a oposición a un goberno socialista pasota, que non se interesa por favorecer o asentamento da poboación nin atender os servizos aos veciños e tampouco por promover a riqueza do noso municipio nin manter coidado o noso entorno natural”, sinalou.
O voceiro popular lamenta os numerosos proxectos paralizados en Xermade como é o caso do “PXOM aprobado inicialmente no 2015 por un goberno popular, un inventario de camiños deficiente que non hai que facer de novo porque non ten revisión posible, a estrada da Deputación Momán – Piñeiro aínda sen acabar a pesar de dez anos de promesas ou unha casa do maior anunciada sen contar coa Xunta e tamén paralizada. Xermade é un Concello sen goberno que, ademais, nos últimos tres anos fixo pagos con reparos de secretaría por un importe de preto dun millón de euros”.
Un proxecto para recuperar un concello que esmorece día a día
O presidente local sinalou tamén durante o cónclave que “o PP de Xermade defende unha xestión eficiente e responsable” e, polo tanto, “queremos ofrecer aos veciños unha alternativa de goberno de cara ás vindeiras eleccións municipais centrada en resolver os problemas reais da xente e non creando outros”. É dicir, para recuperar un concello que esmorece día a día”, matiza.
Riveira citou, entre outros obxectivos para o municipio, “a necesidade de dinamizar a actividade económica, atraer poboación e mellorar os servizos aos veciños de tódalas franxas de idade”. Así mesmo, aposta por “impulsar o potencial turístico e cultural de Xermade” porque “cremos no noso”, afirma.